Xoán Eiriz: "Presentamos un proxecto arriscado, cantar a Rosalía de Castro non é sinxelo"

Un poeta, un compositor e un cantante. É o equipo de traballo responsable do décimo quinto disco de Xoán Eiriz, no que pon voz a algúns versos do poemario Amada Rosalía, do escritor Suso Díaz. Ai Rosiña, O triste son da campana, Como chove miudiño e Canta meniña son as catro pezas que conforman este traballo.
Xoan Eiriz 2
photo_camera 'Poemas de amor en outono' ou 'Verbas no vento' son outros discos do cantautor. (Foto: Nós Diario).

Como nace este novo traballo?

Suso comentoume que tiña ese traballo feito e pareceume moi orixinal. Aínda que hai moitos poetas que escribiron poesías á nosa Rosalía, un poemario completo, como é este, coido que non existe.

Trátanse de 85 poemas e o disco é homónimo, tamén se titula Amada Rosalía. Nun comezo ía levar un mínimo de oito ou dez temas, pero decidimos sacalo con catro. Comezamos a gravar en febreiro de 2021 e non avanzaba ao ritmo esperado por mor da pandemia, pero penso que estas cancións teñen unha autonomía total e absoluta, son completamente diferentes. É como se dentro de cada unha delas houbese un disco en si mesmo.

Que estilo musical seguen entón as pezas?

Estas poesías de Suso foron convertidas en música por un gran compositor, Nacho Varela, que escribiu tamén o meu anterior disco. Eu sempre me movo ou tento beber moito do pop e das súas variantes, ben sexa jazz, reggae, etc. O pop é o denominador común, cunha diferenza. Mentres no anterior disco todo se asenta neste estilo musical, nesta ocasión tratamos de crear, dalgunha forma, unha música que tivese reminiscencias xa non soamente da música tradicional galega, senón tamén da música celta. Hai instrumentación propia destas vertentes, como poden ser o acordeón, violíns, percusión... sobre todo na peza Como chove miudiño.

Co obxectivo de facer, dalgunha maneira e se é posíbel, aínda máis nosa a Rosalía. Conta co pop, pero tamén con esa instrumentación propia da música popular tradicional galega e da música celta.

Esa foi a idea, buscando tamén algo que para min é moi importante: que as cancións non só cheguen a un público determinado, senón tamén á mocidade. De aí a introducir o pop, pero con estas pequenas achegas.

Como foi o proceso de realizar a escolma dos poemas a musicar?

A selección non foi sinxela. Neste libro hai unha premisa fundamental, que é que son cancións en si mesmas, os poemas teñen moita musicalidade. Suso inspirouse moito en Cantares gallegos e a partir dese verso principal desenvolveu a súa poesía. Os poemas, como se menciona no libro, son para cantar, hai moita música dentro deles. Non foi doado seleccionalos, posto que son todos fermosos. 

O máis importante é que a xente se decate de que estas poesías teñen moita música dentro e musicalas é un acto creativo magnífico. Todo o poemario é aproveitábel.

Que supuxo este achegamento á figura de Rosalía de Castro?

Todos coincidimos en que Rosalía é a nosa cantora máis universal. Non é amada soamente polos galegos, senón que ten millóns de seguidores espallados por todo o mundo. Que, por exemplo, Federico García Lorca lle escribise Canzon de cuna pra Rosalía Castro, morta dá mostra diso.

Rosalía é verso, lingua e a alma da Galiza. Para min é unha satisfacción que Suso se acordase de min para cantar estas poesías que escribiu na súa honra. Fíxome moita ilusión, porque quero moito a Rosalía e nunca fixera un traballo dedicado á súa figura. É un proxecto arriscado, cantar a Rosalía non é sinxelo. Tivemos que buscar uns arranxos musicais adaptados aos nosos tempos e foi un traballo intenso, todo moi coidado. Quedei moi contento cos resultados, tiven a sorte de poder participar deste traballo e tentei cantar as cancións desde as cordas do meu corazón e con moito amor e admiración por Rosalía.

Ten algún proxecto pensado para o futuro?

O certo é que quedou unha fiestra aberta para facer unha segunda parte. En principio, este disco vai ter unha continuación e xa temos practicamente seleccionados os versos, que non é tarefa doada. Ademais, este mes, se as condicións así o permiten, queremos facer a presentación oficial na Casa de Rosalía.

Comentarios