Xoán Colazo presenta un libro de viaxes co que coñecer Galiza

Xoán Colazo é unha sinatura de referencia en Sermos Galiza. As súas crónicas en parcería con Adela Leiro e Mon Daporta, asinadas como Colectivo Xea, son unha parada obrigada para todas as lectoras e lectores do semanario desde a aparición do primeiro número, alá por 2012. 

Blanca Gefaell e Xoán Colazo, esta quinta feira, presentando o libro na Libraría Cartabón de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Blanca Gefaell e Xoán Colazo, esta quinta feira, presentando o libro na Libraría Cartabón de Vigo. (Foto: Nós Diario)

As viaxes do Colazogardan semellanzas con aqueloutras xeiras organizadas polo Seminario de Estudos Galegos hai máis de 90 anos e a focaxe que propón nos seus artigos é ben semellante á ofrecida por esta entidade para as Terras de Melide. A libraría Cartabón de Vigo acolleu esta quinta feira a presentación do libro Cento doce viaxes na miña terra.

A  obra, publicada por Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, achega en 492 páxinas encadernadas en tapa dura, con máis de 250 fotografías a toda cor, as  reflexións de Xoán Colazo sobre diferentes lugares da xeografía física e humana da Galiza, profundamente transformada, que percorreu ao longo destes anos “polas derradeiras paraxes descoñecidas da Galiza”.

A paixón polo país

Colazo sinala que con este libro quere compartir "a paixón polo país, espertar na xente o interese de saír a camiñar e coñecer a nosa terra. Este é o xeito de valorala, de querela, de reivindicala, de sermos conscientes da nosa historia, da rica arte, da natureza vizosa, da toponimia de noso, das formas de montes, ribeiras e vales.

“E, sobre todo, saír do noso horizonte cotián permítenos coñecer e falar coas persoas que habitan, dan sentido e moldean este territorio variado e gozoso", conclúe Colazo.

Unhas viaxes multidisciplinares

O autor de Cento doce viaxes na miña terra explica: “Podes ir a unha fervenza ou achegarte a unha igrexa, pero cando camiñas un territorio, os elementos non están illados, hai capas históricas, culturais, toponímicas, patrimoniais. Vas coa meta de chegar a unha fervenza pero na aldea do lado hai unha pía romana nunha igrexa, ou falas coa xente e suxíreche unha variedade de preguntas e destinos novos".

Comentarios