Xacobe, Os d´Abaixo: "Para nós, facer música implica algo máis, un compromiso cultural e mesmo político"

Nada ao abeiro do espazo cultural A Gentalha do Pichel, a formación Os d’Abaixo presenta o seu terceiro traballo. Somos a pedra é un disco que se mergulla na música folk e que incorpora por primeira vez temas propios da banda.
os d'abaixo
photo_camera (Foto: Culturactiva)

Como nace Somos a pedra?

Este último disco sae da terceira etapa do grupo. Viñamos dun pequeno cambio, marchara o antigo acordeonista e entrou Santiago Cribeiro. Xa comezaramos a preparar novo repertorio con Xosé Ramón, o anterior acordeonista, e con Santi decidimos pór en marcha un terceiro disco.  

Que supón este novo traballo?

Marca a evolución natural do grupo. Hai unha evolución en canto a sonoridades,  tímbrica de percusións e quizais novos arranxos cun corte máis folk. Afondamos máis no que é a música folk. Tamén é o primeiro traballo no que se incorporan composicións propias. Sempre partiamos de pezas tradicionais que arranxabamos ou adaptabamos ao noso gusto, pero nesta ocasión hai catro temas íntegros que son compostos por membros da banda. Cremos que se non hai nada que achegar é mellor deixalo, pero no noso caso había moitas ganas de sacar isto adiante e de facer cousas novas. 

Por que escolleron ese nome para o disco? 

É un pouco a idea que queriamos recoller, que nós seguimos aí e resistimos como unha pedra. Esa metáfora da pedra como obxecto que aguanta pese a todo. 

Pódese aplicar a moitos ámbitos, pero nós vémolo como unha metáfora do que implica resistir. Por exemplo, a nivel lingüístico. Nós cantamos e falamos en galego e farémolo a pesar de todo. Sabemos que as circunstancias son as que son e o futuro non é demasiado prometedor, pero eu creo que debemos aguantar. O mesmo pasa coa música que facemos, non é mainstream, pero facémola porque é o que nos gusta. Cremos que é necesario. 

Tamén penso que se pode aplicar a outros ámbitos da cultura galega en xeral. Está menosprezada e, en moitos casos, aqueles que deberían promovela e defendela non o fan, senón todo o contrario. A estratexia que nos queda aos que cremos que temos algo propio, que é noso e tan válido como calquera outra cultura, é resistir e aguantar, somos a pedra.

Cales son as orixes de Os d’Abaixo?

O grupo nace sen pretensións. De feito, non nace como formación en si, senón coa intención de animar os bailes no centro social A Gentalha do Pichel. Colliamos pezas que coñeciamos e simplemente as tocabamos á nosa maneira. Desa idea inicial de xuntarnos xorde a banda, xa que comezamos a tocar fóra dese contexto. Fomos ao Festival Intercéltico de Lorient e de aí sae o noso primeiro disco. Ao principio foi unha cousa non premeditada, logo xa comezamos a traballar máis seriamente. É certo que esa parcela dos grupos folk galegos tamén estaba quedando un pouco desatendida dalgún modo. Había grupos como Berrogüeto ou Fía na Roca que xa desapareceran e non existía ningún relevo que cubrise ese oco. Pensabamos que era un bo momento, aínda que quizais ese folk acústico que nós facemos agora xa non estea tan de moda.

Aínda así, a pesar de que en ocasións poidamos pensar que xa non hai público para esta música, en realidade si que o hai. Ao mellor non é maioritario, pero é un público fiel, que está aí e que resiste.

Como ve o panorama musical galego?  

Eu creo que, no relativo á música en galego, podemos falar de moitos proxectos que están agora funcionando moi ben. Por exemplo, A banda da Loba fai un traballo moi necesario e con moito compromiso. Para nós, facer música non é so iso, implica algo máis, un compromiso cultural e mesmo político. Non nos chamamos Os d’Abaixo por casualidade, vai máis alá. Ten que haber unha mensaxe e un compromiso, esa é a nosa filosofía. 

Creo que a música en galego ten posibilidades, si que existe un futuro e hai un público, aínda que moitas veces fai falla o de sempre, un apoio institucional e real pola música galega e en galego. Non só por parte dos medios de comunicación públicos, senón tamén do propio Goberno da Xunta, que debería apostar máis pola nosa música.

Comentarios