CONTRACULTURA

Xabier Ron, doutor en Filoloxía Románica: "Intentábase que os demais trobadores nunca soubesen a quen dirixían súas cantigas"

Xabier Ron (Lyon, Francia, 1969) vén de publicar A oralidade na ficción amorosa dos trobadores galego-portugueses ou como salvar o itinerarium ad dominam (ArGaMed), un estudo no que analiza as estratexias de comunicación codificada utilizada nas cantigas.
 
Xabier Ron é doutor en Filoloxía Románica e profesor da USC. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xabier Ron é doutor en Filoloxía Románica e profesor da USC. (Foto: Nós Diario)

Como comezou a interesarse por esta temática?

Levo 30 anos investigando en lírica medieval. Cando estaba coa miña tese, vin que había un tema que redactei, aínda que non o incluín por cuestións de espazo. Ao final sen isto a tese quedou en 660 páxinas e xa me parecía demasiado. Este tema era a oralidade e como influía na creación dos motivos poéticos na ficción. Deixeino aparcado e durante a pandemia decidín retomalo. 

Cales eran os códigos ou as estratexias de comunicación máis empregadas?

Todo isto parte dunha relectura que fixen de traballos de xuramentos de fidelidade en Occitania, a orixe da lírica trobadoresca. Neses xuramentos atopaba unha textualidade que lembraba directamente á lírica galego-portuguesa. Por exemplo, vulgarizando, un destes textos dicía: "O que nós decidamos, ti, vasalo, non o descubrirás nunca en público". Hai unha cláusula de silencio. Os códigos son motivos poéticos que o trobador usa para salvar a distancia que o separa da súa senhor, dalgunha maneira. Vai a través do que eu chamo un itinerarium ad dominam, unha especie de peregrinación que o leva desde o amor silencioso até ser un servidor aceptado e acollido no espazo íntimo da senhor. Implica diferentes motivos poéticos, xogos e intertextualidade.

Esta peregrinación tamén implicaba ter en conta o salto de clase social, non?

O itinerarium ad dominam é unha interpretación que fixen xa en 2004 nun artigo que presentei nunha revista francesa e fusiona as dúas metáforas que explican a lírica trobadoresca: a feudal e a litúrxica relixiosa. Entre as dúas confórmase unha especie de peregrinación cara a senhor, porque no fondo hai que ir sorteando diferentes etapas ou pasos e o trobador ten que manter ao longo de todas elas unha serie de virtudes, como ser cortés, xeneroso, sincero. Todas esas circunstancias levan a percorrer un camiño, porque no inicio un dos primeiros motivos que atopamos é o medo a declarar o amor. É un dos máis frecuentes e para superar ese paso a senhor debe aceptalo. Ás veces, o único que acepta desde trobador é que lle chame senhor nas súas cantigas de amor, pero nada máis. O trobador non pode ir máis aló, porque iso podería pór en risco o segredo de amor. Todo isto xera unha especie de xogos de trobadores que son quen de ir máis aló, que rompen incluso os códigos e parecen ser anti corteses, aínda que non o son porque están xogando con iso. 

Como se percibe o subtexto?

Isto forma parte do propio xogo poético. Nunha cantiga de amigo aparecen dúas amigas dialogando e unha lle comenta á outra que está preocupada porque non sabe como facer para que o seu amigo se poida dirixir a ela sen que se poña en perigo a relación. A resposta da amiga é que faga composicións dirixidas a outra senhor de maneira que saiba que todo o que lle diga a esta terceira muller irá referido a ela. E efectivamente hai cantigas con esa orientación. Hai un xogo de intratextualidade e intertextualidade entre as cantigas de amigo e as cantigas de amor. É a ficción da muller que dialoga e usa os mesmos argumentos que a cantiga de amor onde fala el. O que intentaban era despistar os demais trobadores, que nunca soubesen a quen dirixían as cantigas. Isto levoume a reler unha e outra vez as cantigas de amor e de amigo, que son case 1.200. Tamén fixen unhas táboas que ofrezo no libro como apéndice e seleccionei fragmentos claros e evidentes destes exemplos. 

Comentarios