Unha webserie retrata o día a día dos neofalantes

Os episodios, que recollen a transición á nosa lingua de Nelu Vilela, Darío Mares e Martiña Pérez, forman parte da campaña ‘É túa. Pásaa!’ e pódense ver a través da canle que a asociación Alingua mantén en Youtube.
A creadora de contidos María Rúa conducirá a serie.
photo_camera A creadora de contidos María Rúa conducirá a serie.

Tres protagonistas e tres desafíos diferentes para un mesmo retrato: o da mocidade neofalante na Galiza de 2023. Ese é o resumo apurado para definir O gran reto. 24/7 en galego, unha webserie que se enmarca dentro da campaña "E túa! Pásaa!" que impulsa Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega). A serie, ideada para espallar polas redes e contactar así coas novas xeracións, condensa a experiencia de tres persoas castelanfalantes de entre 18 e 26 anos que se comprometen a desenvolver integramente o seu día a día en galego durante tres semanas.

Participantes

O trío de protagonistas mostra este achegamento á nosa fala ao longo de tres episodios, no que se enfrontan a nove desafíos cotiás que superan empregando o galego. Os capítulos lánzanse nas cuartas feiras nas redes e a través do Youtube de Alingua.  Todos contan coa condución da creadora de contidos María Rúa. 

Darío Mares Carrasco ten 19 anos, naceu na Coruña e aos tres anos mudouse a Ourense, onde viviu toda a súa infancia en castelán. Actualmente estuda Química en Santiago e só usa o galego para responder a quen lle fala nese idioma. 

A segunda protagonista é Martiña Pérez García, orixinaria de Noia. Vive entre A Coruña e Oleiros. Traballa nunha empresa de control de calidade. Ten 25 anos e, malia que se criou nun ambiente bilingüe, relegou o idioma para falar con xente maior ou en ámbitos formais. 

Por último, a serie fíxase en Nelu Vilela, de 26 anos. A súa educación foi en castelán e reduce o galego ao seu contexto laboral, vencellado ao mundo da interpretación e da música. Pensou en varias ocasións en transicionar ao galego, mais sentiu que os erros eran xulgados con dureza sen marxe para a crítica construtiva. 

Comentarios