[VÍDEO] 'Os tempos mortos do Führer', a webserie galega que traslada Hitler a Ourense

A obra, que consta de dez capítulos de curta duración, busca o galardón no Santiago Web Fest que decorrerá na capital de Chile en novembro. "Queremos levar a marca Galiza a outro continente", apuntan desde a produtora, Conxuro Produción.
Fotograma da webserie 'Os tempos mortos do Führer'. (Foto: Conxuro Produción)
photo_camera Fotograma da webserie 'Os tempos mortos do Führer'. (Foto: Conxuro Produción)

Que faría o sanguinario ditador Adolf Hitler no seu tempo de lecer se nacese en Ourense? Esa idea roldou hai máis dun ano as cabezas de catro estudantes —Elisa, Uxía, Gemma e Javier— do ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa, nesta mesma cidade, e que tornou finalmente na webserie Os tempos mortos do Führer.

Após seren finalistas no Carballo Interplay e presentar a obra en até oito certames, como o Festival Internacional de Curtas de Verín ou o Festival de Cinema de Ourense, estas catro persoas de só 20 anos de idade presentan a súa candidatura no Santiago Web Fest, que decorrerá en novembro na capital chilena, co obxectivo de lograr desta volta un galardón.

"Sería un orgullo e satisfacción chegar á final porque o proxecto está na nosa lingua e somos conscientes da cantidade de galegos que se encontran no sur de América", apuntan desde a produtora, Conxuro Produción.

A webserie consta de dez capítulos de menos de cinco minutos de duración e está impulsada por xente nova

A mocidade protagoniza Os tempos mortos do Führer, pois tamén un dos guionistas e autor desta sátira xunto a Héctor Martínez, Diego Temes, ten 21 anos. Martínez é quen representa Hitler na obra. E Elena Seijo, tamén partícipe, é unha actriz coñecida a nivel estatal e gañadora de diferentes premios.

Detrás da webserie atópase o CIFP A Farixa, centro de estudos onde foron alumnos e patrocinador desta peza audiovisual coa que Conxuro Produción quere "levar a marca Galiza ao outro continente".

A webserie cómica Os tempos mortos do Führer consta de dez capítulos de menos de cinco minutos de duración —dispoñíbeis na súa totalidade en YouTube— que presenta o ditador en diferentes escenas da súa hipotética vida cotiá en Ourense.

Comentarios