A instalación Santas Migrantas de Luz Darriba, na Universidade de Tras-os-Montes

Voces de mulleres que migran

Catrocentas fotos de mulleres migrantes conforman a instalación As Santas Migrantas, da artista Luz Darriba (Montevideo, Uruguai, 1954). Desde este 26 de febreiro, poderá verse na sala de exposicións da Universidade de Tras-os-Montes, en Vila Real (Portugal).
 

luz-darriba as santas migrantas
photo_camera Imaxe de 'As Santas Migrantas', de Luz Darriba. Foto: Museo Provincial de Lugo.

Darriba, colaboradora de Sermos Galiza, é autora dunha obra artística multidisciplinar. Pintura, instalacións, traballos dixitais, literatura ou o que denomina “macroproxectos urbanos” -o máis emblemático foi, a inicios de século, rodear a muralla de Lugo dunha muralla paralela de libros- forman parte do seu modus operandi.

As Santas Migrantas -cuxa comisaria é Luzía Oca González- xa estivo exposta no Museo Provincial de Lugo. Insiste nunha estratexia artística comprometida cos problemas sociais e crítica co estado de cousas e intenta recoller “a través de fotografías (400 escapularios feitos de fotografías de mulleres migrantes) e testemuños a voz de moitas mulleres que cruzaron o mundo para melloraren a vida”.

Será visitábel ate o 15 de marzo.

Comentarios