Viveiro torna desde hoxe na capital mundial do 'metal'

O Resurrection Fest abre esta cuarta feira as súas portas con Ghost como principal atractivo da xornada.
Concerto de Judas Priest no 'Resu' de 2022. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Concerto de Judas Priest no 'Resu' de 2022. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Parkway Drive, Ghost, Pantera e Slipknot encabezan o cartel da edición de 2023 do Resurrection Fest que se celebrará en Viveiro (A Mariña) entre esta cuarta feira, 28 de xuño, e o vindeiro sábado, 1 de xullo, e que acollerá unhas 140.000 persoas ao longo desta semana. Esta é a primeira edición do festival con catro xornadas de música e catro escenarios abertos desde o primeiro día.

Esta cuarta, os escandinavos Ghost darán o disparo de saída ao festival, nunha xornada na que tamén tocarán outros grupos como Behemoth, The Ghost Inside, Motionless In White ou Dead By April. A quinta será Pantera a grande actuación da xornada, que contará con artistas como Powerwolf, Alterbridge ou Elegant Weapons.

Os americanos Slipknot volverán ser os cabezas de cartel da sexta, día no que subirán aos escenarios de Viveiro outras bandas como Nervosa, Megara, Wind Rose ou Papa Roach. A última gran actuación, o sábado, correrá a cargo do Parkway Drive, que compartirá día con Architects ou Polar.

Novidades deste ano

Segundo avanzou a propia promotora, o Resurrection deste ano trae varias novidades. Unha das que máis interese espertou en redes sociais foi a de abrir a posibilidade ás e os 'festivaleiros' de contraer matrimonio durante a celebración do festival. Para iso, habilitarán unha igrexa no interior do recinto.

Outra das novidades é o 'Resurrection Fest Boulevard', "unha homenaxe ás salas de concertos e ás tendas de discos nas que naceu a cultura do rock", situado na Resurrection Fest City e que reunirá diversas actividades e experiencias con música en directo.

Dispositivo de seguridade

A pasada sexta feira, a subdelegada do Goberno español en Lugo, Isabel Rodríguez, presidía en Viveiro a Xunta de Seguridade do festival, decorrida na Casa do Concello. Alí informaba de que se porá en marcha un amplo dispositivo de seguridade, "con especial atención aos desprazamentos que se producen durante os catro días de festival".

Tamén se trataron as previsións que baralla a organización do festival e os lugares que poden resultar máis conflitivos por posíbeis aglomeracións de persoas e vehículos. A Policía Nacional de Viveiro contará con reforzos entre os que se inclúen membros das unidades de intervención, expertos en grandes eventos nos que se poden producir situacións de risco como avalanchas. Terán tamén apoio de axentes dacabalo, guías caninos e funcionarios da brigada móbil.

Comentarios