Vodas a ritmo de 'heavy metal': o Resurrection Fest habilita un espazo para oficiar casamentos

"Soñaches algunha vez cunha voda ao máis puro estilo Resu? Xa podes espertar, as campás de voda soarán neste Resurrection Fest 2023", sinalan desde a organización do festival.
Centos de persoas nun dos concertos da pasada edición do festival. (Foto: Resurrection Fest)
photo_camera Centos de persoas nun dos concertos da pasada edición do festival. (Foto: Resurrection Fest)

Algunha vez pensou en casar coa estrondosa música de Slipknot, Pantera ou Ghost de fondo e centos de persoas berrando e gozando dela? A partir deste verán será posíbel en Viveiro (A Mariña), pois a organización do Resurrection Fest, que decorrerá do 28 de xuño ao 1 de xullo, vén de anunciar que as parellas que o desexen poderán casar dentro do festival a partir da presente edición, para o que habilitarán unha igrexa no interior do recinto.

Alén de "moito rock e metal", apuntan, desde agora no festival tamén haberá oco para o amor, perante unha peculiar iniciativa que se estreará co lema 'Where We Belong' ('A onde pertencemos'). "Soñaches algunha vez cunha voda ao máis puro estilo Resu? Xa podes espertar, as campás de voda soarán neste Resurrection Fest 2023", celebraron, a través das súas redes sociais e nun comunicado remitido aos medios.

Desde a organización mencionaron as parellas que, ao longo de todos estes anos, puideron coñecerse en Viveiro ou atoparon —ou perderon— o amor "grazas ao Resu", festival no que xa se viviron "varias pedidas de man, dentro e fóra do escenario".

Á vista do interese de parte do público en anunciar os seus casamentos entre a fervorosa multitude, o festival afirmou que ten unha "gran nova" para todas as persoas "amantes do Resu, que aman dentro e fóra festival": disporán dentro do recinto dunha igrexa na que aquelas que o desexen poderán contraer matrimonio.

Resurrection Fest Boulevard

Esta novidade está incluída no que a organización do festival denomina como "unha das maiores sorpresas" que teñen para o público asistente nesta edición, o 'Resurrection Fest Boulevard', unha homenaxe ás salas de concertos e as tendas de discos nas que naceu a cultura do rock.

O 'bulevar' ficará aloxado en 'Resurrection Fest City' e reunirá diversas actividades e experiencias con música en directo, para percorrer cada un dos edificios que o compoñen.

A promotora galega Bring The Noise é a encargada de organizar esta iniciativa no festival, que xa ten confirmados os cabezas de cartel, con Parkway Drive como última incorporación.

Comentarios