Corpo(a)Terra amosa a liberdade da danza en Allariz

Corpo(a)Terra volveu tirar, unha vez máis, para adiante malia os crecentes atrancos. A compañía Traspediante conseguiu organizar este festival de danza na rúa ourensá, que cumpriu xa dez anos de andaina, reforzando a súa visibilidade social e propoñendo, ao mesmo tempo, reflexións sobre a conexión entre o individual e o comunitario ou sobre os lindes do ser humano. Os que lle impoñen e os que pon a si mesmo. Entre o medo, a incerteza e a submisión. A obediencia e a subversión. E a procura, sempre, dunha saída.

2.KIRENIA_DANZA_FESTIVAL_CORPO_A_TERRA_2020
photo_camera Representación de "Emigrantes", de Kirenia Martínez (Foto: Paulina Funes)

A pedra das rodas de Vigo. O esperón de Mondariz. As pedras das ferraduras de Cotobade. As marcas de pedra da catedral de Ourense. Son algunhas das formas que bailaron no ceo, entre as estrelas, para conmemorar os 10 anos do festival Corpo(a)Terra. Foi no Campo de Vilanova, en Allariz, e en Ourense a carón da Ponte Vella. O espectáculo, unha coprodución de Corpo(a)Terra e aCentralFolque realizada con drons luminosos, serviu para despedir desde a altura a programación do festival nas dúas localizacións que tivo este ano.

Ourense porque é a cidade na que naceu e medra desde hai unha década. Allariz porque xa acollera parte das pezas máis veces. Este ano o entendemento co concello de Ourense tornouse, ademais, moi difícil. “Levamos todo a Allariz, agás o imprescindíbel”, explica Begoña Cuquejo, coorganizadora, xunto con Marta Alonso Tejada e Paula Quintas -as tres forman o colectivo Traspediante- desta cita imprescindíbel­­ da danza de rúa na Galiza. “Dixéronnos que non había fórmula legal para apoiar o festival, o cal non é certo. Suxeríronnos que nos presentemos ás subvencións, pero nós non podemos estar esperando por unha subvención cos contratos cos bailaríns feitos un ano antes. Este é un festival profesional”, indica Cuquejo.

Corpo(a)Terra foi adiante, malia todo, coidando especialmente ademais este ano a súa visibilidade, que foi o concepto que artellou o deseño da programación. Por iso o espectáculo con drons. Ou o esforzo realizado para retransmitir as pezas por streaming. “Non sabiamos se a xente ía ter que estar fechada na casa. Por iso introducimos tamén o acceso con xeolocalización a uns vídeos sobre os 10 anos do festival. Non quixemos perder o lugar, o efémero”. O encontro nun espazo. Polo demais, a programación tivo que ser máis modesta que outros anos porque houbo que adaptarse á situación xerada pola pandemia. “Tivemos que renunciar a cousas coma un obradoiro de escritura”, indica Cuquejo. Tamén tiveron que escoller, en Ourense, espazos con menos encanto ca as prazas da zona vella.

O festival mantivo, coma sempre, a súa aposta pola proxección da danza galega. Entre as propostas nadas do país puideron verse dúas relacionadas tamén, a nivel temático, coa visibilidade. Dunha banda, Ser con, de Nuria Sotelo. Unha peza cimentada na inclusión. Encontro de diversidades. “Quero desfacer os bandos”, dise nun momento nesta obra. Superar as barreiras do prexuízo. “A tenrura é hoxe o máis revolucionario”, proclama, ao final. Tamén Emigrantas, de Kirenia Martínez, trata de poñer o foco onde pouco se dirixiu. Porque se centra nas emigrantes como axentes, como mulleres que toman decisións e escollen onde estar e que facer.

A emigración

Kirenia Martínez conta nesta peza, como bailaríns intérpretes, con David Loira e Esther Latorre, que estiveron presentes ademais no Corpo(a)Terra con outras dúas pezas.

Loira con Blondie, que era a cadela de Hitler. Nesta peza, este bailarín galego na actualidade emigrado en Berlín preséntase como líder, guía. Porque fai ao vivo un titorial sobre como realizar unha complicada postura de ioga. E consegue, cun ton humorístico, levar o público onde quere. Nunha metáfora da domesticación, da obediencia á autoridade. Na parte final, de grande beleza, retorna cunha daga e con coiro. Cunha daga que podería lanzar. Ou que pode colocar como o rabo dun can. Na incerteza sobre que facer. Obedecer ou transgredir. E de que maneira.

Directamente conectada co tema de Emigrantas atópase a peza que Esther Latorre -bailarina galega tamén emigrada, agora retornada- realizou a dúo con Hugo Pereira, Mapa, que toma os refuxiados como punto de partida. “O tema levounos aos dous á idea de fronteira. Non só xeográfica. Fronteira con nós, cos demais”, subliña Latorre. Mapa é afastamentos e achegamentos. Poder e rebelión. Invasión e compaixón. E é tamén, por momentos, tenrura. Como reivindica Ser Con. E como mostra outra das pezas que puideron verse no Corpo(a)Terra, Expectations will not kill you, de Osa + Mujika. Que é a decepción e a tristeza de cando os nosos desexos non se cumpren. Pero tamén o apoio no corpo do outro. O reencontro da forza para seguir adiante.

A animalidade

Outras tres das pezas que acolleu o Corpo(a)Terra exploran outra fronteira: a animalidade do ser humano. Levándoa a distintos lugares. Os vascos Larrúa fixeron en Allariz Ollo de boi, unha peza que indaga na relación entre os animais -os bois- e o ser humano, coas súas xerarquías, ou na expresión corporal dos animais, a ritmo de danza contemporánea ou de break dance, cun traballo físico moi salientábel. Os cataláns Zum Zum Teatre conectaron tamén enseguida co público cos seus Hippos, uns simpáticos hipopótamos inchábeis que bailan con homes dentro. Que poderían ser persoas mimetizadas co animal ou animais buscándose dentro das persoas que lles poñen corpo. Seres múltiples, híbridos, cambiantes, en calquera caso. Que poden rebelarse se non lles deixan ser. “Sobrevivirei se me deixas”, pode lerse ao final do espectáculo. Para quen queira entendelo.

Un corpo vertebrado que podería ser unha serpe ou un paxaro é tamén o punto de partida de Vertebrata, da galega Alejandra Balboa. Un corpo bloqueado, contraído, que procura a maneira de liberarse, de expresarse. Un traballo que está aínda en proceso, segundo sinala a súa creadora. E liberdade, e desprendemento, e descontracción, é o que suxire tamén Technocracia, peza creada por Cristina Balboa, Félix Fernández e Manuel Parra con voluntarios aos que se pediu como único requisito que quixesen bailar techno durante 45 minutos, nun dispositivo de seguridade deseñado por Mauro Trastoy. Nun espectáculo -coma Hippo- situado entre a liberdade individual e a conexión coa comunidade. Un momento enerxético e catárquico en comuñón. A esencia da danza na rúa. Coma todo o festival.

Comentarios