mércores 26/01/22
A montaxe Feminíssimas enfronta as contradicións dos feminismos

As violencias que nos conformaron como mulleres

Unha anarcofeminista, unha feminista liberal e unha feminista queer que foran amigas de adolescentes quedan unha fin de semana despois de moitos anos sen verse. Son ideoloxicamente tan opostas que non se aturarían nin cinco minutos se non fose porque entre elas tamén pode haber empatía. Porque unhas axudan as outras a enfrontar as súas propias contradicións. Así é Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións, unha obra interpretada por Esther F. Carrodeguas, Stephy Llaryora e Noelia Blanco que representa algúns dos debate actuais dos feminismos.
As actrices Stephy llaryora, Esther Carrodeguas e Noelia Blanco. (Foto: Serxo González)
As actrices Stephy llaryora, Esther Carrodeguas e Noelia Blanco. (Foto: Serxo González)

De Ste Xeito Producións, a produtora de Stephy Llaryora, comezara con Loló y mamá, unha peza sobre o amor-odio entre nais e fillas, para seguir con Running, unha obra sobre o amor de parella nun mundo no que hai que correr demasiado como para pensar en buscar parella. Feminíssimas, con dramaturxia de Esther Carrodeguas e dirección de Xavier Castiñeira, é a terceira parte desta triloxía sobre o amor. “Ía ser sobre o amor da amizade e eu propúxenlle a Stephy confrontalo coa ideoloxía”, explica Carrodeguas.
“Apetecíame moito documentarme sobre a historia dos feminismos. E gústame facer iso: aproveitar o traballo para informarme a min mesma sobre os temas que me interesan”, asegura.

Foi un traballo de documentación complexo e baseado, sobre todo, en lecturas sobre a historia dos feminismos. Cada unha das actrices, en paralelo, documentouse para preparar a súa personaxe. Mais Feminíssimas non é, segundo Carrodeguas, unha peza de personaxes ao uso. Pois as tres amigas son máis ben “colaxes”, “bandeiras dunhas ideas”, construtos que á autora lle serviron para representar diferentes debates vivos dentro dos feminismos. 

“Que pasa?”, pregúntase Carrodeguas, “se estás contra a xestación subrogada pero unha amiga túa vai ter unha crianza por xestación subrogada. Se non estás co queer pero tes unha amiga queer”. Desa tensión parte a dramaturxia. Apoiándose en personaxes que correrían o risco de ser caricaturas, clixés. “Non son, é certo, personaxes apegados á realidade”, explica Carrodeguas. “Non sei se son tópicos, pero eu a verdade é que non quería crear personaxes individualizados, por iso aceptei esa posibilidade”, sostén. 

As personaxes encarnan, de feito, posturas extremas e antagónicas. “Serían os tres lados dun triángulo”, sinala Carrodeguas. “Se as levásemos á realidade non sería así, porque as persoas non son bandeiras”, engade. O obxectivo non é que o espectador tome partido por unha delas, senón que se identifique con distintos aspectos das tres e, a través delas, cos seus propios preconceptos.

“Podemos ter posicións que consideramos moi afastadas do feminismo liberal, por exemplo, pero despois ser empresarias, coma Stephy e coma min, e estar de acordo con algunhas cousas que din as liberais. Eu mesma estaría bastante perto da miña personaxe, Gabi, porque me identifico co queer”.

A obra explora bastante, de feito, as contradicións de cada unha das personaxes. Ser anarcofeminista e vivir nun mundo capitalista. Ou ser feminista liberal e levar no corpo as pegadas dun dos xeitos de violencia de xénero. “Presentar as súas contradicións era a maneira de humanizalas. Porque a persoa que porta unha bandeira non se confunde coa bandeira. Ruka, anarcofeminista, é a máis expansiva das tres.

Tería que ter participado no metoo, tería que ter falado e denunciado, pero non se atreveu a denunciar o que lle pasara. Todas somos humanas e temos contradicións”, reflexiona a autora. A personaxe de Ruka, de feito, podería estar máis desenvolvida. “Preocupábanos a personaxe de Bea, a liberal. O discurso de Ruka é xa máis coñecido”, indica a autora. Mais ao final a de Bea amosa unha maior solidez. Ruka representa ademais, en si, varios aspectos da historia dos feminismos radicais que poden afastala do que podería ser o pensamento dunha muller de hoxe. É ela quen debate con Gabi sobre o feminismo terd.

Se queres saber máis desta obra non tes máis que mercar o Nós Diario de mañá nos quiosques ou na nosa loxa para a súa lectura na nube. Tamén podes facer a subscrición xa mesmo: atoparás unha opción que se adapte a ti!

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

As violencias que nos conformaron como mulleres
comentarios