CRÍTICA DE CINEMA

'Vingadores: Endgame', por Andrés Castro

Os Vingadores unificarán forzas para acabar con Thanos e restaurar a orde do universo.

endgame2

No portentoso final de Infinity War, Thanos deixara todo o universo reducido á metade após utilizar a manopla das xemas do infinito. Desde aquela o devezo por ver a desenlace desta traxedia de tinguiduras shakesperianas rivalizaba co retorno da derradeira tempada de Xogo de Tronos. Os irmáns Russo tiñan a ardua tarefa de deixar o pavillón ben alto sen defraudar á trullada de fans. E non defraudaron... Claro que contar cun presuposto de 350 millóns de dólares (o máis caro até a data nos filmes da Marvel) axuda bastante...

Dunha forma conceptual moi ben fiada e cun ton crepuscular ao estilo Logan, o bo de Clint Barton/Ollo de Falcón descubre o que acaba de acontecer da peor maneira posíbel: perdendo a súa familia. Comezamos mal. O resto de Vingadores tamén están de capa caída. Perderon a moitos seres queridos e a moitos compañeiros e compañeiras de fatigas e non levantan cabeza. O cheiro a pesimismo é insoportábel. Todo mal. De súpeto aparece unha tipa loura cuns poderes abraiantes: a Capitá Marvel (co seu propio spin off aínda en carteleira). Pouco tardan en convencela para ir por Thanos, que anda exiliado nun afastado planeta en modo eremita, para desfacer a desfeita do xenocidio equilibra universos. Pero como a peli ten que durar tres horas pois xa intuímos que non o van conseguir... Todo semella perdido até que descobren unha posíbel solución a través das viaxes no tempo con tecnoloxía cuántica. Vaites! como non se lles ocorrera antes algo tan “sinxelo”?!

En fin, hai que querelos porque a intención é boa e ten as súas recompensas así que mellor non cuestionarse demasiado as cousas e deixarse levar polas bondades deste Regreso ao futuro con personaxes da Marvel. Puro entretemento para fans (e non fans tamén) que supera o récord de super heroes e super heroínas por metro cadrado que posuía a súa predecesora... E por riba todos e todas coa súa pertinente cota de pantalla e con suficientes momentos para lucir as súas respectivas dotes interpretativas. Agora se vai entendendo mellor o das tres horas de duración, non si?

Tres horas en absoluto pesadas grazas a unha combinación de elementos que funcionan coma un reloxo: emotividade latente durante toda a metraxe, acción trepidante, viaxes no tempo, moreas de conexións e chiscadelas cos filmes precedentes, subtramas ben tecidas, despedidas sentidas (e outras non tanto), efectos especiais a esgalla e uns momentos de fina comedia estratexicamente distribuídos ao longo do filme. Atención o que acontece con Hulk e Thor. Puro esmendrelle.

Malia non superar Infinity War, si que sabe xogar moi ben as súas cartas nesta digna desenlace que contenta a (case) todo o mundo e cumpre coas expectativas. Pero se pensades que Vingadores: Endgame é o final dos Vingadores e dos filmes da Marvel andades máis perdidos que Wally no campo do Anxo Carro. Simplemente supón a antesala do fin da fase 3 da franquía dos filmes do Universo Marvel que rematará nun par de meses coa estrea de Spider-Man: Lonxe da casa dando o pistoletazo de saída á cuarta fase. Porque... que sentido ten que a todopoderosa Disney (propietaria de Marvel Studios) pare a máquina de facer diñeiro cando está a pleno rendemento?

Vingadores

(EUA 2019, 181 min.)

Dirección: Anthony Russo e Joe Russo

Guión: Christopher Markus e Stephen McFeely

Fotografía: Trent Opaloch

Música: Alan Silvestri

Elenco: Robert Downey Jr., Chris Evans, Chris Hemsworth, Scarlett Johansson, Mark Ruffalo, Jeremy Renner, Josh Brolin, Brie Larson, Paul Rudd, Karen Gillan, Dave Bautista, Jon Favreau, Bradley Cooper, Gwyneth Paltrow

Comentarios