Un vídeo en 3D permite viaxar 2.200 anos atrás a San Cibrao de Las

O 'Proxecto Lanóbriga. Unha cidade galaica' do Centro Infográfico Avanzado da Galiza (Ciag) difunde o traballo audiovisual que permitirá visitar "virtualmente" a cidade galaica da comarca do Carballiño.
photo_camera Vídeo do Proxecto Lanóbriga.

O 'Proxecto Lanóbriga. Unha cidade galaica', a iniciativa que está a recuperar en imaxes tridimensionais o castro de San Cibrao de Las, situado entre os concellos de San Amaro e Punxín, fixo público esta cuarta feira o vídeo que recrea como era esta poboación hai 2.200 anos. Na proposta, unha das máis importantes coas que está a traballar o Centro Infográfico Avanzado da Galiza (Ciag), atópanse Paco Boluda, Carlos Paz, Anxo Miján e Miguel Torre. Ademais, contaron co asesoramento de persoas expertas en historia, arqueoloxía e investigación que colaboraron de maneira altruísta nesta aventura divulgativa, que non contou con ningún tipo de soporte ou financiamento público. 

Recrear toda unha cidade galaica casa por casa

O director artístico deste proxecto, Paco Boluda, explica a Nós Diario que con esta iniciativa queren "dar unha imaxe diferente dos galaicos que a denigrante que se atopamos agora". Por este motivo defende que "temos unha cultura galaica marabillosa que queremos valorar". O vídeo, que xa está dispoñíbel en YouTube, reconstrúe en 3D toda a cidade galaica de Lanóbriga, un dos nomes cos que se coñecía o castro de San Cibrao de Las

"Nesta primeira fase realizamos todas as edificacións, rúas e murallas contando cos datos das escavacións realizadas até agora", sinala Boluda. Só un 10% dos case 96.000 metros cadrados do castro están ao descuberto, polo que aproveitaron a información desa parte escavada para completar o resto da cidade "casa por casa e a tamaño real", segundo apunta Boluda. 

Darlle vida para coñecer unha cultura

O seguinte paso, no que xa traballan, é dotar de "vida" a Lanóbriga. Agora están a crear "personaxes para que a xente que a visite interactúe" e tamén "os interiores de todas as vivendas”. A intención é que se aplique en distintos soportes "a nivel editorial e audiovisual". 

Para lograr o carácter divulgativo que buscan, pensaron na súa aplicación a xogos de computadora, "que non sexan de batallas e si de comprender como vivían daquela". Tamén repararon en que as persoas que se acheguen ao xacemento da comarca do Carballiño poidan vivir "a experiencia de pasear polo seu interior reconstruído". 

Boluda recoñece que "van pouco a pouco", ao facelo "no seu tempo de lecer" e gustaríalle implicar a Administración galega e poder achegalo aos colexios da Galiza.

Comentarios