De Stonehenge a San Cibrao de Las: a astronomía dos pobos do pasado

A arqueoastronomía é unha disciplina científica que estuda o papel xogado pola astronomía nas culturas do pasado e que nos descobre que os aliñamentos cos fenómenos astronómicos como os equinoccios e os solsticios non son exclusivos das pirámides exipcias ou de Stonehenge: a Galiza está inzada destas construcións.
O sol pasando polas fiestras de San Miguel de Celanova no equinoccio de primavera. (Foto: Antonio Piñeiro)
photo_camera O sol pasando polas fiestras de San Miguel de Celanova no equinoccio de primavera. (Foto: Antonio Piñeiro)

Chegou o inverno. Onte, ás 15.59 exactamente, tivo lugar o solsticio que sinala o comezo da estación máis fría, o momento en que o Sol se atopa a maior distancia do ecuador celeste. Os días son os máis curtos do ano e o Nadal asoma. Dalgunha maneira, a conmemoración relixiosa -a de quen celebran a chegada dun redentor, e quizais tamén a dos que sacrifican as súas tarxetas de crédito ao deus do consumo- indica que existe unha certa relación entre ambos os fenómenos, que natureza e cultura se entrelazan seguindo o calendario celeste. E isto é así desde hai milleiros de anos. 

Case todo o mundo oíu falar algunha vez da relación entre as pirámides de Exipto ou do complexo megalítico de Stonehenge con determinados fenómenos astronómicos. O que xa é máis novidoso é o descubrimento de que non é necesario viaxar a xeografías exóticas, que se pode comprobar que a observación astronómica facía parte das culturas da Galiza e que, talvez, xogaba un papel fundamental na súa visión do mundo. 

A arqueoastronomía, unha disciplina científica que estuda como as poboacións do pasado entenderon o ceo e que papel xogaba na súa comprensión do mundo, está desvelando numerosos sinais que hoxe somos incapaces de percibir. 

Un exemplo estudado polos investigadores Marco V. García Quintela e Manuel Santos Estévez é o dos petróglifos da Ferradura, en Amoeiro (comarca de Ourense): un curioso petróglifo cun deseño sen paralelos coñecidos, localizado no interior dun abrigo rochoso coñecido como O Raposo, está orientado cara á abertura natural do abrigo, de modo que o sol, cando se pon durante o solsticio de inverno, ilumina o petróglifo. Ademais, o sol visto desde o abrigo ponse sobre o cumio de San Trocado, un lugar onde hai un castro da primeira Idade de Ferro e unha capela dedicada ao santo homónimo. Por se iso fose pouco, a medida que baixaba o Sol a sombra producida polo abeiro rochoso vaise definindo no sentido oposto, apuntando cara a Coto do Castro,  e o perfil desa sombra coincide de maneira bastante precisa coa propia orografía do castro. García Quintela, en conversa con Nós Diario, aínda dá máis datos: “O interesante deste petróglifo é que funciona en paralelo co petróglifo da Ferradura, que está a uns centos de metros e que ten unha fenda pola que cae o sol a primeiros de febreiro. Nese momento o sol está sobre San Cibrao de Las. Entre o solsticio de inverno -cando se dá o fenómeno no abrigo do Raposo- e o 1 ou 2 de febreiro -cando se dá aquí- o sol pasa do castro de San Trocado ao de San Cibrao, e a festa patronal do lugar é a Candelaria, que conmemora os corenta días desde que nace Xesús até que remata a purificación da Virxe e preséntao no templo.

É dicir, a festa cristiá segue a relación de datas estabelecida nos petróglifos e nos castros”. 

A arqueoastronomía mostras as claves

Manuel Gago, escritor, xornalista e divulgador que se ten debruzado sobre o tema en diferentes ocasións, explica que este tipo de aliñamentos son moi frecuentes. “Na capela de San Miguel de Celanova, por exemplo, nos equinoccios de primavera e outono, ao saír o sol, os raios cóanse, por uns instantes, polas fiestras da capela, formando unha pequena estrela de luz. O sol, nese momento, sae por riba do monte de San Cibrao, onde hai unha necrópole megalítica e unha capela medieval. E o interesante é que cando construíron o mosteiro, non o fixeron sobre a igrexa, como era o habitual, senón que se desprazaron sobre este eixo de forma que quedasen aliñados o mosteiro, a capela e un pedrón que existe alí e que é un posíbel espazo ritual galaico”.

Todo isto indica que as sociedades agrícolas se guiaban por unha dupla orientación, topográfica e astronómica, que hoxe somos incapaces de ler. 

“Cando Edison descubriu a lámpada incandescente, privounos da capacidade de mirar o ceo”, afirma García Quintela. “Vivimos nunha sociedade afastada dos ciclos naturais e por iso carecemos dese coñecemento do ceo -que non era científico, mais si empírico- que posuían os pobos anteriores á luz eléctrica”.

En canto a unha posíbel interpretación relixiosa destes aliñamentos, García Quintela opina que “esa separación entre o empírico e o relixioso é propio da nosa cultura, no pasado eran rexistros que funcionaban xuntos. O complexo da Ferradura, sen dúbida, era un lugar relixioso, mais probabelmente o culto que se oficiaba alí era inseparábel dos usos agrícolas”. 

A paisaxe como elemento cultural

“A Galiza está inzada deste tipo de aliñamentos, uns estudados e outros non, e non só da Idade de Ferro. Desde os castros -Baroña, Penalba...- até igrexas como a de Santa María de Vilanova (Allariz) son exemplos deste coñecemento astronómico que agora nos resulta enigmático”, apunta Gago. “Estes sitios chaman a atención pola súa singularidade, mais están presentes por toda a Galiza. O que debemos aprender disto é que a paisaxe é un elemento cultural no que se agochan moitas das chaves para interpretar o noso pasado, que os monumentos non deben ser vistos exclusivamente como edificios alleos ao territorio que os rodea, senón que existe unha forte dialéctica entre eles. E na Galiza non se teñen en conta ese tipo de cuestións nas políticas de protección da paisaxe”. 

A transcendencia do espazo

"Un estudo feito recentemente por Manuel Santos expón como a distribución dos petróglifos que mostran escenas de caza seguen un ciclo que abrangue toda unha montaña", explica García Quintela. "Hai que lelos non individualmente, senón que hai que facer unha lectura que implica unha comprensión global da paisaxe dunha zona determinada. Esa visión holística é a que perdemos ao separarnos da natureza e a que nos impide comprender tanto o espazo natural no que se desenvolve a nosa especie como as diferentes culturas que se desenvolven en diálogo con ese espazo. O espazo é o que determina as características dunha cultura determinada, o que condiciona as formas que adoptará e o que, á súa vez, se transforma de acordo coa acción desa cultura".

Comentarios