Máis

Os viadutos de Ponte Ulla

Distintas maneiras de salvar o canón do río
Un tren cruza o río Ulla pola ponte Gundián na parroquia de Ponte Ulla (Vedra). En primeiro plano, o 'novo' viaduto ferroviario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un tren cruza o río Ulla pola ponte Gundián na parroquia de Ponte Ulla (Vedra). En primeiro plano, o 'novo' viaduto ferroviario. (Foto: Nós Diario)

Na confluencia das comarcas de Compostela, Terra de Montes e Deza atopamos a parroquia de Ponte Ulla (Vedra, comarca de Compostela), onde o río Ulla afuracou o seu encaixado e abrupto paso polas montañas graníticas e cuarcíticas da zona. A gorxa que forma crese que foi salvada primeiramente polos romanos, que fixeron a primeira ponte. Contémplase a idea que a ponte dos séculos medievais é a mesma que a romana, mais con certas reformas. Este lugar sempre sufriu crecidas de caudal moi fortes que arrasaban as marxes. Nunha destas, a ponte foi destruída (ano 1571). 

O paso do Camiño de Santiago e a escaseza de alternativas próximas para outro tipo de viaxantes sempre fixo da ponte unha obra imprescindíbel para salvar as augas do Ulla. Por iso, estabeleceuse un sistema de barcas que levaba a xente dun lado a outro do río. 

Catro son as pontes deste lugar, todas feitas nos séculos contemporáneos 

Pasarán así máis de 250 anos até 1835, cando se inaugura unha nova ponte. Un século despois, a construción da liña de ferrocarril entre Zamora (Castela e León) e A Coruña motivou a aparición dunha ponte no alto do canón. Esta, elevada uns 78 metros sobre o nivel de mar e con 219 metros de lonxitude, forma unha estrutura de pedra nun entramado de ferro e sitúase entre dous túneles. Construíuse entre 1945 e 1956 e foi inaugurada dous anos despois, coa posta en servizo do tendido ferroviario. Os seus arcos (7 vanos aos lados máis o vano central) contémplanse desde lonxe e a súa cor mimetízase coa súa contorna. Esta é coñecida popularmente como Ponte Gundián. O aumento do tráfico de coches fixo que a ponte da estrada quedara obsoleta e se tivera que facer unha nova ao carón desta.

A estrada Benavente-Compostela xa non baixaba até o nivel do río se non que o salvaba por riba. Coa chegada do século XXI, a liña de Tren de Alta Velocidade entre Olmedo (Castela e León) e a Galiza ocasionou a realización de grandes obras de enxeñaría como o viaduto branco que agora salva o Ulla, inaugurado en 2011, cunha lonxitude de máis de 1 km e cunha altura que case 'raña' o ceo. O impacto visual do seu tamaño, en contraposición ao das outras pontes, xera polémica coa alteración paisaxística que fai neste paso histórico. 

Miradoiro de Gundián e miradoiro do Alto do Castro (Ponte Ulla, Vedra)

Nas dúas beiras do Ulla, atópanse miradoiros para contemplar a beleza do conxunto de pontes e o río. Mentres que o do Gundián sitúase entre as dúas pontes do tren, case ao pé da estrada, o Alto do Castro encóntrase na cima dunha pena, refuxio incluído.

Ponte Ulla (Vedra)

Esta parroquia, ao carón do río homónimo, localízase onde a 'ponte vella'. A altura das outras pontes fai que esta poboación estea 'mergullada' por debaixo dos piares destas. O caudal é catalogado como Zona de Especial Conservación pola súa biodiversidade e é empregado para actividades de ocio e deporte como piragüismo nos seus rápidos.

Granxa (Boqueixón)

O Pico Sagro, tamén coñecido como Pico Ilicino, foi o lugar elixido pola raíña Lupa para morar alí. Esta montaña, de composición cuarcítica ten 533 metros de altitude que sobresaen no horizonte. Foi vinculado como unha das portas 'do Inferno', segundo a lenda, custodiada por un dragón. As súas vistas poden ser gozadas no seu cumio onde tamén se atopan unha gabia que parte a dura pedra, os antigos cimentos dunha fortaleza e a ermida de San Sebastián. Nas vésperas do día da Patria Galega, fáise unha subida colectiva para ler o Alba de Groria e rememorar a subida de Castelao en 1924.
 

Comentarios