“Veño de Canadá, levo tres meses en Carballo e quero falar galego”

Carballo continúa integrando a “nov@s galeg@s” a través da lingua. O Concello bota a andar de novo o “Obradoiro de Integración Lingüística e Cultural”, un programa que achega desde o 2005 á nosa lingua a persoas que sen teren orixe galega residen no municipio. 

.
photo_camera .

“Son Gustavo, veño de Uruguai e gústame falar galego para ser máis de aquí”, “Son Verónica, veño de Gran canaria e levo seis meses en Carballo. Quero falar galego para ensinarlle á miña filla a cultura galega”, “Son Leo, veño de Cuba e gústame aprender galego para entender a letra dos grupos de aquí”, “Son Luci, de Colombia, levo un ano en Carballo e gústame aprender galego para ser máis de aquí”. Son algunhas das declaracións recollidas no vídeo do “Obradoiro de Integración Lingüística e Cultural” da pasada edición co que o Concello de Carballo anuncia agora unha nova convocatoria dun programa que se leva desenvolvendo desde o 2005, con sorprendentes resultados e unha boa acollida. 

O Servizo de Normalización Lingüística anima a participar no programa, entre outras, coa lenda “Gustaríache que che dixesen: “Que rápido aprendiches a falar galego?” e, de feito, no vídeo “Nov@s galeg@s que queren falar galego” varias das persoas que se expresan nosa lingua manifestan levar tan só 3 ou 6 meses no país. 

Dirixido a “novos galegos e galegas”, o obradoiro práctico desenvolverase do 11 de febreiro ao 3 e abril, a través de distintas actividades encamiñadas á integración de quen vén de lonxe tamén a través da lingua. O prazo de inscrición ao obradoiro, de carácter gratuíto, está aberto até o 4 de febreiro. 

Cunha nova ordenanza 

A normalización lingüística camiña con pulo en Carballo amparada tamén na nova ordenanza que aprobou no último trimestre do pasado ano segundo a cal o Concello empregará o galego na totalidade das súas accións, tanto nas administrativas internas como na comunicación social, as relacións coa cidadanía e con todas as entidades públicas que teñen sede na Galiza ademais das que admiten o galego nas actuacións administrativas. A ordenanza recolle tamén o uso do galego para as empresas que presten servizos do Concello. 

Comentarios