Contracultura

Uxía Gayoso: "A curta 'Noitevella 1999' naceu a raíz de atopar a cámara que regalaran aos meus pais ao casaren"

Uxía Gayoso foi galardoada co Premio Supernova no Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto pola súa obra 'Noitevella 1999', unha curta que reproduce as gravacións atopadas dunha familia que agarda con incerteza o cambio de século e as súas posíbeis consecuencias.
A cineasta Uxía Gayoso foi galardoada pola curtametraxe 'Noitevella 1999'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A cineasta Uxía Gayoso foi galardoada pola curtametraxe 'Noitevella 1999'. (Foto: Nós Diario)

—Como foi o proceso de gravar esta curta cun formato de vídeo caseiro?
O ano pasado volvín á casa a pasar o Nadal en Taboada (comarca de Chantada), porque nestes momentos estou vivindo en Barcelona, e xa levaba a idea de facer unha curta, ou cando menos intentalo. A raíz de atopar a cámara que regalaran aos meus pais cando casaron en 1992 comecei a pensar como podía utilizar un dispositivo para narrar unha historia a través del e que tivera sentido. Así ocorréuseme esta idea e a miña familia sempre está disposta a axudarme, polo que na cea de Noitevella fixemos unha ficción.

Nese sentido son moi afortunada porque non se fechan cando lles pido algo así e, como sempre ando gravando escenas cotiás nas que participan, xa non lle teñen medo á cámara polo que foi moi doado pór en marcha toda a situación.

—Escribiulles algún guión ou deixoulles vía libre para a improvisación?
Nun primeiro momento expliqueilles o que quería facer e díxenlles que realmente tiñan que tomalo como unha cea normal de Noitevella, que era o que estabamos a facer ao fin e ao cabo. Con todo, si que lles sinalei que intentaran introducir na súa conversa certos temas relacionados con aquel ano. Especialmente, o que máis me interesaba era que falaran do que ía pasar porque foi un momento no que había moita expectación co cambio de século.

Había moitos discursos sobre que cando chegase o ano 2000 ía acabar o mundo ou que ían deixar de funcionar os ordenadores e demais. En resumo, pedinlles que introduciran ese tema, mais que tamén se sentiran libres de facer o que quixeran e funcionou bastante ben.

—Cal foi o principal reto á hora de enfrontar a gravación e a montaxe desta curta?
A cámara en si mesma xa me pareceu un reto interesante desde o comezo porque ao final non estaba gravando en dixital, como estou acostumada, senón que era todo analóxico. Claro, isto implicou despois todo un proceso de dixitalización para poder facer a edición desde o ordenador. Non obstante tamén tiven en conta unha diferenza fundamental á hora de gravar: a montaxe deste tipo de vídeos antigos faise mentres se está gravando. Eu quería manter esa esencia de maneira que, aínda que gravara máis cousas, a persoa que o vise puidese entendelo como un vídeo caseiro.

Para min era moi importante recrear este aspecto porque me parecía algo básico para que a historia fose críbel. Ademais, tamén outras cousas máis pequenas, como poder pór a fata e a hora que eu quería, por exemplo. Xa utilizara a cámara algunha vez, mais como os meus pais tiñan un maior control dela precisamente porque facemos habitualmente estes vídeos caseiros puiden consultarlles algunhas das dúbidas que me xurdían. 

—Como tomou a súa familia a noticia de que ía recibir o premio?
Quedaron moi contentos. Ao final é a miña familia e por moito que eu lles pida cousas, sobre todo no caso dos meus avós, seguen sendo eles. Para min tamén supuxo capturar un momento no tempo, aínda dentro do contexto da ficción, case de xeito documental. Teño moita sorte cos meus pais porque me permiten intentar vivir do cine, que é algo moi complicado, mais sempre me apoian en todo o que fago. Os meus avós non esperaban este premio para nada porque como os estou gravando todo o tempo para eles xa é algo completamente normal, unha cousa que fago para min e xa está. Estar nun teatro, recollendo un premio e que a xente fora falar con eles foi algo moi bonito a verdade. Eu fun a primeira sorprendida porque tampouco o esperaba. As curtas seleccionadas na mesma sección eran incríbeis e eu contaba con que o levara algunha delas.

Para min é moi emocionante tamén porque creo que o cine sempre é un proceso que require de colaboración e neste caso no que está implicada a miña propia familia ten aínda máis valor.

Comentarios