A USC analiza o bestiario da Catedral de Santiago

O doutor da Universidade de Vigo, Victoriano Nodar, realizou este estudo iconográfico, recollido nun libro premiado pola Cátedra, para rescatar do esquecemento estas magníficas obras escultóricas eclipsadas polas portadas de Praterías e o Pórtico de la Gloria.
Capitel románico da catedral de Santiago de Compostela.
photo_camera Capitel románico da catedral de Santiago de Compostela.

As Leccións Xacobeas Internacionais, curso de verán da USC organizado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, continuou esta cuarta feira coa presentación de novos relatorios no Museo das Peregrinacións. Hoxe haberá unha nova sesión, mentres que a xornada da sexta feira dedicarase a facer unha andaina e visitas culturais por Fisterra. 

Unha das leccións foi impartida polo profesor de Historia da Arte da Universidade de Vigo (UVigo), Victoriano Nodar. O tamén doutor en Historia da Arte pola USC analizou o espazo, función e audiencia do bestiario da Catedral de Santiago de Compostela, información recollida nun libro premiado pola Cátedra do Camiño, un estudo dos capiteis do interior da Catedral románica de Santiago, centrada naqueles que teñen como tema fundamental o bestiario medieval.

Nodar sinalou que se trata dun estudo iconográfico que busca rescatar do esquecemento estas obras escultóricas que quedaran eclipsadas nos estudos dedicados á catedral pola potencia e calidade das portadas románicas da basílica, como As Praterías e o Pórtico da Gloria. 

“O espectador actual, ao atoparse nun espazo eclesial con evidente función litúrxica e cultural, agardaría atoparse esculpido nestes capiteis un amplo repertorio de temas sacros. De aí que sorprenda aínda máis a extraordinaria abundancia de temas do bestiario que, nunha primeira ollada, parecen banais e até puramente decorativos” asegurou.

Nada máis afastado da realidade, xa que segundo explicou Nodar, o estudo combinado das fontes textuais das que puideron botar man os escultores, a situación destas imaxes no templo e a audiencia á que estaban destinadas, demostrou que non eran pezas decorativas inseridas nun espazo sagrado, senón que facían parte dun relato articulado en imaxes para transmitir unha mensaxe dogmática. 

Comentarios