A lingua do Reino da Galiza, a debate

Gonzalo Navaza abriu esta terza feira, cunha conferencia sobre 'As intervencións monárquicas na toponimia galego-portuguesa', unhas xornadas que se desenvolverán até maio, entre Compostela e Braga, sobre a lingua no Reino Medieval da Galiza.
O director da Escola Oficial de Idiomas, Gonzalo Constenla, e o profesor da UVigo e especialista en toponimia e onomástica, Gonzalo Navaza (Foto: Arxina).
photo_camera O director da Escola Oficial de Idiomas, Gonzalo Constenla, e o profesor da UVigo e especialista en toponimia e onomástica, Gonzalo Navaza (Foto: Arxina).

O Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza posto en marcha pola Deputación da Coruña segue a abrir novos camiños no coñecemento dun dos períodos máis fértiles e, ao tempo, máis descoñecidos da historia do país. 

Esta terza feira comezaron as xornadas A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga que, organizadas pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago en colaboración coa Deputación da Coruña e a Rede da GaliLusofonia pretenden profundar no coñecemento sobre o estelar momento histórico e cultural que representou o Reino Medieval da Galiza. 

A primeira sesión destas xornadas, que se estenderán até o mes de maio e que decorrerán entre Compostela e Braga, estivo a cargo do profesor da Universidade de Vigo, membro da Real Academia Galega e especialista en toponimia e onomástica Gonzalo Navaza, que pronunciou a conferencia titulada O nome dos lugares: As intervencións monárquicas na toponimia galego-portuguesa

Navaza debullou a orixe dunha serie de topónimos cuxa orixe non acababa de estar clara: pensábase que eran de orixe antiga, malia que agora sabemos que son do século XII e de principios do XIII:  A Coruña, Baiona, Monforte de Lemos, A Guarda, Salvaterra... son localidades que lle deben o seu nome á intervención dos reis da Galiza. 

"Son topónimos que teñen unha data concreta de nacemento", explica Navaza en conversa con Nós Diario. "Teñen que ver coa concesión da carta foral por parte dos monarcas. O cambio de nome asociado a esta concesión era unha práctica moi habitual".

O Reino e a lingua

A actualización do coñecemento sobre o Reino da Galiza -e a difusión deste saber entre o público xeral- parece entrar nun período de auxe e Navaza opina que "o que cambiou a respecto do pasado é a capacidade de acceder comodamente á documentación medieval. Daquela, resulta bastante fácil detectar que, por exemplo, unha localidade chamábase Faro até 1208 e, a partir desa data, pasa a denominarse Crunia (a actual Coruña)". 

"O que si ocorre é que os que nos dedicamos á investigación lingüística pensamos que en certos ambientes académicos cremos que a lingüística histórica, dalgunha maneira, pasou de moda. E é certo que estes estudos sobre o Reino da Galiza están potenciado de novo esta disciplina", di. 

O académico foi explicando a orixe dalgúns deses topónimos e así, puidemos saber que, por exemplo, Baiona toma o seu nome da localidade vasca; que as varias Vianas proceden da Vienne, de onde vén o papa Calixto II, protector do Códice Calixtino, ou que A  Guarda foi bautizada, en principio, de acordo co estándar galego, A Garda, mais que a variante da fala local transformouno no topónimo que coñecemos hoxe.  

Esta actualización do coñecemento resulta pertinente porque, como apunta Navaza, "os historiadores non se preocuparon tanto da evolución lingüística. Que rei lle concedeu o foro á Coruña en 1208 sábese desde hai moito tempo, e entre os estudosos tamén era coñecido que antes se chamaba Faro. Pero ninguén se molestara en buscar a orixe: circulaba a idea de que era un nome tradicional que se mantivera. Hoxe temos documentación suficiente para saber que Crunia é un nome tomado do Códice Calixtino. É un topónimo de clara motivación xacobea, porque Afonso IX pretendía facer da cidade o principal porto de entrada das peregrinacións por mar".  

Seis meses de actividades arredor da lingua medieval

A palestra de Navaza inicia seis meses de actividades. Haberá outras palestras a cargo de Francisco Rodríguez, Mariña Arbor, Alicia Díaz Balado ou Carlos Amaral, mais tamén concertos (LaMontagne & PicoAmperio e Xoán Curiel), teatro (coa compañía Os Quinquilláns) e visitas guiadas a lugares emblemáticos da historia do Reino, como a Catedral de Santiago, o Castelo da Rocha Forte (Compostela) ou á Sé e á Capela dos Reis e São Martinho de Dume e São Frutuoso, en Braga.

Comentarios