Os “camiñantes” exploran o arquivo do reino da Galiza

A segunda xornada do VI Congreso Internacional ‘O camiño do Medievalista: Omnia Restituo’ comezou cunha visita á catedral de Santiago de Compsotela.

Volumes custodiados no Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela. (Foto: Camiño Medievalista)
photo_camera Volumes custodiados no Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela. (Foto: Camiño Medievalista)

O VI Congreso Internacional ‘O Camiño do Medievalista: Omnia Restituo’ aproveitou esta quinta feira, día 4 de maio de 2023, para organizar unha visita á Catedral de Santiago de Compostela e ao seu Arquivo-Biblioteca. Localizado no brazo dereito do templo -dende a praza do Obradoiro-, esta institución custodia o patrimonio documental e bibliográfico de Cabildo e a propia Catedral dende a Idade Media ata a actualidade. Os documentos entran pola porta que dá as murallas do Parrote, pero as visitas teñen que entrar polo xardín de San Carlos.

Son oito andares consistentes, principalmente, dos arquivos, unha sala de conferencias, unha sala de consulta de documentos e un laboratorio de restauracións. No laboratorio teñen prensas, encadernadoras, tendais, etc... dirixidos a fabricar manualmente papel segundo a composición orixinal das escribanías da contorna da Coruña, inserir unha mestura específica de liño e algodón feita polpa nos ocos do escritos orixinais, e outras actividades.

É o único arquivo de Galicia con cámara de frío para gardar acetatos, celuloide e fotografías a 5 graos e baixa humidade. Todas as estancias teñen temperatura e humidade controladas, fumíganse anualmente contra a couza e o sistema de extinción é por gas inerte que despraza o O₂. Os “camiñantes” tiveron a sorte de presenciar documentos orixinais tales como o caso Romasanta enteiro, o poema manuscrito de Rosalía "Castellanos de Castilla", documentos asinados polos reis católicos ou poemas a lapis de Pondal.

Mentalidade medieval

A continuación, volveuse ao Salón de Actos da facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde Diana Peaz Flores (USC) presentou a sexta mesa ‘A mentalidade e expresión medievais’ e aos seus relatores: Ian Levy Bunan (Universitat de Barcelona, UB), Sara Blanco Arribas (Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea, EHU), Pablo Fernández Pérez (USC) e Rita Tegon (Universidade de Salamanca, USAL).

As súas intervencións, ‘Doncelas e viúvas: a presenza da muller en los protocolos notariais da Baixa Idade Media’, ‘Vinganza nas Bienandanças e fortunas ¿excepción ou reflexo da mentalidade baixomedieval?’, ‘A idea de crise na historiografía apocalíptica medieval’ e ‘Homeric Hercules Monsters in Dante’s Comedia’ presentaron toda unha serie de conceptos fundamentais para entender o imaxionario e vida social da Idade Medial.  

Entre reclamacións de dédedas, herdanzas dos maridos, ou ao figurar nas cédulas de capítulos matrimoniais, os protocolos notoriais baixomedievais permítennos distinguir entre dúas clases de mulleres: a viúva e a doncela. “Son precisamente os seus estados civís os que fan que perduren nos rexistros notoriais”, dicía Levy. Por outra banda, Blanco fixo unha presentación en torno ao libro Bienandanças e fortunas, escrito polo nobre biscaíño do s. XIV Lope García Salazar. Ao ser a súa testemuña representativo dos nobres da época, a intervención foi unha aproximación aos modos e xustificacións da vinganza dentro das relacións nobiliarias baixomedievais vascas durante os conflitos que a historiografía bautizou como Loita de Bandos.

Así mesmo, Fernández fixo unha reconstrución dos argumentos que hai en torno á polémica da noción “crise”, pois non hai consenso entre os profesionais - Norman Cohn, Jean Delumeau, Bernard Mcginn ou Richard Landes- acerca da importancia que debería ter na historiografía e nos movementos apocalípticos medievais. E Tegon fechou a mesa cunha investigación do especial interese que existía na Idade Media acerca das criaturas fantásticas extraídas da tradición -Comedia de Dante- e a súa posterior traxectoria.

Portas medievais

Trala pausa para o xantar, o profesor Jean-Paul Hernández (Pontificia Facoltà Teologica dell’Italia Meridionale, Nápoles) presentou unha Conferencia de Historia da Arte titulada ‘Na porta resúmese a Igrexa. Antropoloxía e simboloxía de portas e portais medievais’, seguida da última mesa desta quinta feira -a sétima-, titulada ‘Espazo e patrimonio galego medieval’.

A mesa consistiu dos relatorios ‘Cóengos Regulares de San Agostiño na comarca do Eume: San Miguel de Breamo’ de Paula Corbeira Paz (USC), ‘Na procura dos orixes da catedral medieval de Lugo: un acercamento aos seus antecedentes’ de Celia Vila Fernández (USC) e ‘De ínfulas e anguías: unha aproximación cartográfica á organización do espazo suburbano baixomedieval de Lugo a partir do tombo do bispo Tristán Calvete’ de Luis M. Ibáñez Beltrán (USC).

Corbeira falou dos seus estudos da igrexa de San Miguel de Breamo, único vestixio do Real Priorato de Breamo, e dos cóengos regulares de san Agostiño, practicando unha revisión histórica da súa orixe, da evolución do seu templo, e dos diferentes procesos reformadores aos que se viu sometida á fábrica. Destacou a súa mensaxe de revalorizar o patrimonio, que se encontra en estado de abandono cultural, e promover a importancia da súa preservación como sinal de identidade cultural.

Pola contra, Vila practicou un acercamento aos antecedentes da catedral de Lugo, rastreando a evolución do locus dende a época romana ata que se comeza a construír a fábrica que hoxe conservamos dende inicios do século XII; así como Ibáñez presentou algunhas conclusións da interpretación cartográfica ofrecida polo alcarreño Martín Tristán Calvete no espazo concreto do entorno suburbano da cidade de Lugo. As súas conferencias permitiron ao auditorio indagar sobre as distintas realidades do entorno suburbano da cidade en Plena Idade Media.

Feche do congreso

A terceira e última xornada, 5 de maio de 2023, consistirá no seguinte: Mesa 8: ‘E-medieval. Dixitalizacións e redescubrimentos’, Mesa 9: ‘Xogos de poder’, Mesa 10: ‘Crisol de culturas’ e Mesa 11: ‘Cotiandade cristiá medieval’. Haberá unha intervención entre as mesas 9 e 10, unha Conferencia de Historia da Arte ao coidado do profesor Xosé Manoel Sánchez Sánchez (USC), ‘Entre murmuros e restos para construír outra Idade Media. Individuo e sociedade nas marxes das fontes primarias’ e finalmente será o acto de clausura, poñendo fin ao VI Congreso Internacional ‘O camino do Medievalista: Omnia Restituo’.

Comentarios