Contracultura

Ovidio Aldegunde: "Ucha deixou tal pegada en Ferrol que cando alguén ve un edificio bo pensa que é obra del"

Ovido Aldegunde, fotógrafo, criouse xogando entre as paredes do Hotel Suízo de Ferrol, unha das obras máis características de Rodolfo Ucha. Agora, Aldegunde réndelle homenaxe ás obras deste na exposición Rodolfo Ucha Piñeiro: o arquitecto da beleza, aberta ao público no Ateneo Ferrolán.
O fotógrafo Ovidio Aldegunde (Foto: cedida).
photo_camera O fotógrafo Ovidio Aldegunde. (Foto: Cedida)

—Como transforma a súa mirada estas arquitecturas de Rodolfo Ucha?
Eu partín de querer impregnar eses edificios coas miñas vivencias. Precisamente, son todas imaxes en branco e negro para evocar o tema dos recordos e que a cor non interfira con esa fantasía infantil. Hai lugares que a xente non relaciona con Ucha, por exemplo, as reixas da concatedral de San Xiao. Eu pasei moito tempo aí xogando coas miñas amizades da infancia, comendo pipas, e precisamente na fotografía que está na exposición, hai un señor limpando o atrio, varrendo as pipas e os restos de arroz das vodas. Isto é algo que a min me interesa moito: a inalterabilidade da arquitectura, que non é tal, fronte ao tempo de cada momento, as persoas e o resto de mobiliario co que comparten espazo. 

Hai unha serie moi interesante sobre o Casino. Hai unha sala que antes era de fumadores e á que non podían entras as mulleres. Co tempo, iso cambiou e, curiosamente, cando eu fun facer a foto non había ningún home alí, porque estaba organizado un faladoiro de mulleres. E despois hai outra imaxe da fachada do edificio no cal no momento da foto, nunha esquina, vese dúas mulleres bicándose.

Para min isto fai unha relación do que pasaba antes, do que pasa agora e en medio como é o edificio e a súa historia. E por suposto, dentro destas fotografías, hai referencias que eu vexo cara a outros artistas que a min me gustan moito, como unha na que o balance tonal, a maneira de enfocar e o tema lembran a Edward Weston, ao cal eu admiro desde rapaz, desde que comecei a facer fotografías. 

—Por que ‘o arquitecto da beleza’?
Antes del, Ferrol era unha cidade moi cuadriculada, cun espírito moi militar e cun modelo repetitivo no que todas as casas eran parecidas ou iguais. Cando chegou unha época de bonanza económica, tanto por parte das institucións como por particulares, apareceu o modernismo e o embelecemento das fachadas. Ucha é un dos máximos expoñentes disto e nós tivemos a sorte de telo nesta cidade. Un exemplo moi claro é o Teatro Jofre, que era totalmente insulso e foi a el a quen encargaron a fachada que ten agora. 
Despois, tamén practicou o racionalismo e outros movementos arquitectónicos que comezaron a aparecer, pero claro, el levaba dez ou 12 anos de atraso con todas as cousas que se ían facendo fóra porque aquí non chegaban as noticias das revistas que se publicaban.

Aínda así, é certo que el lía moito do que viña de fóra e era un gran coñecedor dos oficios. O Ferrol da súa época tiña moitos oficios específicos de grandes artesáns. Por exemplo, os balcóns de ferro forxado están moi relacionados cos profesionais que estaban na industria do naval e igual que ocorría con carpinteiros e demais, el sabía que eran traballos delicados que admiraba moito e que aproveitaba nas súas obras. Iso é algo que se nota e que se ve nas fachadas. 

—Falaba da inalterabilidade da arquitectura, mais esta tamén é en certa maneira conformadora do espazo que ocupa
Exacto, e sobre todo no mundo urbano nótase máis porque estamos rodeados de edificios. Ucha deixou unha pegada tan fonda na cidade que cando alguén ve un edificio bo xa pensa que é del e nalgúns casos non é así. Ferrol tamén é un lugar onde podes ver moitos estilos de arquitectura moi diferentes e nun espazo moi curto. 

O que eu intentei é que a xente que é de aquí ou que acabou vivindo aquí poida recoñecer as súas vivencias a través desta mirada. Por suposto tamén hai algunhas cuestións persoais miñas, por exemplo, a imaxe que utilizamos para o cartel da exposición. Eu sempre tiven a sensación de que ese edificio medio deteriorado sería un magnífico escenario dalgún filme de Hitchcock e, xustamente cando estaba facendo a foto coa lúa e a torre, pasou un corvo.  

Comentarios