Contracultura

Tyler McKechnie: "Co teatro inmersivo, as persoas lánzanse e descobren facetas de si que non coñecían"

Tyler McKechnie é o fundador de Oístes? Teatro e a metade do equipo creativo de Falta Esperanza, unha experiencia inmersiva arredor da lectura das últimas vontades da tía Esperanza e coa súa voz retumbando desde o Alén.
O fundador da compañía Oístes? Teatro, Tyler McKechnie (Foto: Nós Diario).
photo_camera O fundador da compañía Oístes? Teatro, Tyler McKechnie. (Foto: Nós Diario).

—Como xurdiu a obra Falta Esperanza?
Hai seis meses máis ou menos comezamos a ter a idea. Non quero falar de maneira moi obvia porque eu son bastante purista neste sentido e prefiro que só se saiba o contexto de partida que damos, mais digamos que estabamos nun proceso de observación do contexto social actual e a interacción entre moitos feitos e as persoas. Queríamos afondar no tema de como chegamos a ser quen somos. O noso proceso creativo é ir creando sobre a marcha e ver cara a onde nos vai levando a historia.

Sempre digo que igual que na escultura vaise quitando a pedra até deixar o que agochaba dentro, no noso caso imos mergullándonos até atopar esa forma final. O contexto coñecido do que partimos é unha lectura de últimas vontades e escollemos este evento porque é cotián, non para todo o mundo, por sorte, mais si é algo común do que non se fala até que non te toca. Quizais non reflexionamos tanto sobre a coherencia familiar, as cousas que nos permitimos por ser familia, como nos vemos nós dentro desa estrutura, se estamos dentro ou fóra dela e que nos foi aportando desde crianzas... Pareceunos un evento interesante porque é unha dinámica que é coñecida e pouco común a un tempo.

—Como a morte en si mesma.
Claro. Non diría que a morte é o tema principal, aínda que obviamente está presente porque é unha lectura de últimas vontades, mais si que é certo que non pensamos na morte até que nos toca a nós ou a algunha persoa achegada. Lembramos que iso é unha posibilidade só cando estamos na súa presenza. Por iso tamén creo que é interesante facer esta proposta a través do teatro inmersivo, porque ademais na Galiza e no Estado español en xeral non é algo que abunde.

Isto permítenos utilizar contextos que non son tradicionais do teatro. Por exemplo, durante a pandemia fixemos algunhas cousas a través de videochamada e noutras ocasións témolas feito en pisos.

—A estrea da obra foi no marco das Noites Alternas de Santiago de Compostela. Que vos leva a inserir as vosas propostas aquí?
Este é o cuarto ano que facemos pezas dentro da programación e temos unha relación bastante boa coa organización que fai Ítaca. Gústanos moito como propoñen as cousas. Como dicía, polas características propias do teatro inmersivo é un pouco complicado mover estas pezas no circuíto habitual, mais creo que con Ítaca temos liñas de pensamento similares e confianza na súa maneira de facer. A nivel institucional, por exemplo, é máis complicado porque como vendes unha obra de teatro que precisa unha billa con auga corrente e unha cama noutra habitación na que se poida fechar a porta? Montar todo iso nun escenario é complexo. Dito isto, por suposto estamos abertos a contratación desde outras entidades e xa fomos enviando dossiers para poder ofrecer este tipo de experiencias en máis lugares.

En xeral temos bastante boa implicación do público porque intentamos facilitar experiencias. Non vimos contar unha historia, por así dicilo, senón que queremos propor dinámicas e situacións de maneira que o público se converta nun personaxe máis. Evidentemente hai unhas normas, mais dentro diso permitimos que haxa moita experimentación e axencia, de maneira que as persoas deciden até que punto se implican e participan.

O ano pasado por exemplo houbo unha persoa que nun momento dado se ergueu e marchou dicindo que non era para ela, e para nós tamén está ben que poidas expresar iso. Diría que non deixamos o público indiferente. Non obstante, polos comentarios que recibimos, o público xeral recibe isto con moito entusiasmo porque, aínda que non obrigamos ninguén a facer nada, evidentemente, damos ás persoas a posibilidade de lanzarse dun modo que igual noutros contextos da súa vida non o farían. Pero aí, nun espazo fechado e seguro  lánzanse e descobren facetas de si que non coñecían.

Comentarios