Cinema

[VÍDEO] Xa dispoñíbel o avance do filme 'O corpo aberto', baseado nun relato de Méndez Ferrín

A película proxectarase esta sexta feira no Culturgal e chegará aos cinemas o 9 de decembro.
Fotograma do filme 'O corpo aberto'.
photo_camera Fotograma do filme 'O corpo aberto'.

Xa está dispoñíbel o tráiler da película O corpo aberto, dirixida pola asturiana Ángeles Huerta e protagonizada por Tamar Novas, María Vázquez e Victória Guerra, que verá a luz nos cinemas o próximo 9 de decembro.

A longametraxe de 'terror folk', baseada nun relato de Xosé Luís Méndez Ferrín, narra a historia dun profesor que, a principios do século XX, recibe como primeiro destino Lobosandaus, unha pequena localidade da "raia seca", na fronteira entre a Galiza e Portugal. Así, nada máis chegar percibirá como o misterio e a morte conviven con naturalidade na vida cotiá.

Deste modo, o profesor enfrontarase, desde o racionalismo e a ciencia, á crenza da poboación local de que o espírito dos mortos pode manifestarse e permanecer entre eles ao habitar outros corpos.

Aliás, O corpo aberto, que conta con banda sonora de Mercedes Peón, rodouse integramente no Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín.

A película xa participou en diversos festivais como a Semana Internacional de Cinema de Valladolid-Seminci ou o Festival Internacional de Cinema de Terror de Lisboa. Tamén foi galardoada co premio a Mellor Película Asturiana no Festival Internacional de Cinema de Xixón.

Proxección no Culturgal

Noutra orde de asuntos, a película proxectarase esta sexta feira, contra as 18.45 horas, dentro do marco da feira Culturgal, que decorrerá no Pazo da Cultura de Pontevedra até o próximo domingo.

Á presentación do filme asistirán a directora da película, Ángeles Huerta, e o actor protagonista, Tamar Novas, e contará tamén coa intervención do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, entre outros.

Comentarios