Titiriberia recupera "o feito cultural europeo por excelencia"

O festival celebra os 40 anos de Viravolta e Trécola.
Reconstrución da barraca de Barriga Verde realizada por Viravolta.
photo_camera Reconstrución da barraca de Barriga Verde realizada por Viravolta. (Foto: Viravolta)

O festival de títeres tradicionais Titiriberia, que se celebra en Rianxo entre o 24 e o 31 de xullo, conmemora este ano o 40º aniversario das compañías Viravolta e Trécola. Un aniversario que se suma ao que recentemente celebraron outras compañías como Os monicreques de Kukas ou Tanxarina. Parece evidente que por volta de 1982 sucederon moitas cousas arredor do teatro de títeres. 

"Sucedeu o mesmo que noutros campos", explica en conversa con Nós Diario Anxo García, membro fundador de Viravolta Títeres e da Asociación Morreu o Demo, organizadora de Titiriberia. "Había un certo entusiasmo e unha certa esperanza co proceso iniciado despois da morte do ditador. Aquí coincidiu que foi por esas datas cando Tatán [Eduardo Cunha] e outros ex alumnos de  Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas de fíos do Institut del Teatre de Barcelona, fundaron Tanxarina e, seguindo o seu exemplo e o de Kukas, fundáronse algunhas compañías das que algunhas quedamos en pé. Mais todos estabamos moi vinculados a esa efervescencia cultural da década de 1980". 

Pasados corenta anos, sucederon moitas cousas: algunhas das aspiracións cumpríronse, e outras, non. "Conseguiuse, por exemplo, que a profesión de titiriteiro teña unha certa estabilidade, non toda a que sería desexábel, pero sen dúbida estamos mellor" afirma García. "Tamén existe unha considerábel regularidade nas programacións culturais. Outras obxectivos máis ambiciosos quedaron polo camiño, mais polo menos temos uns mínimos dos que partir". 

O teatro de títeres, non obstante, segue a estar moi marcado pola percepción popular de que se trata dun xénero para a cativada. "É unha cruz que temos aquí e que non se dá no resto de Europa. É difícil que a xente asuma que hai espectáculos de monicreques que están pensados para adultos e iso condiciona moito o noso traballo. Mesmo ás veces dá lugar a equívocos importantes: lembro algunha vez na que se programaba unha obra sobre o incesto e no público había unha morea de cativos [ri]. Son situacións delicadas que non tería por que darse se houbese máis información e máis pedagoxía".

"Creo que si está consolidado e mesmo a administración comeza a velo así", declara Anxo García

Titiriberia vai por outras vías e, de acordo coa tendencia europea de recuperar figuras do teatro de cachaporra (Dom Roberto en Portugal,  Pulcinella en Italia, Punch & Judy en Inglaterra, Kasper na Alemaña e en Polonia...) céntrase na vertente máis popular do teatro, e consolídase como unha das citas importantes da escena galega.

"Creo que si está consolidado e mesmo a administración comeza a velo así", declara Anxo García, "xa que as axudas comezan a ser algo máis relevantes que en anos anteriores. Titiriberia fúndase coa idea de recuperar o títere tradicional galego, Barriga Verde e os Cristovos anteriores. E o festival é so unha parte -aínda que moi importante- dese traballo que realiza a asociación Morreu o Demo, e que inclúe moitas outras actividades, especialmente centrada nos centros educativos". 

Nesta edición de Titiriberia unha trintena de compañías -das que vinte son galegas, encargaranse de recuperar en Rianxo ese legado do que Anxo García non dubida en afirmar que "é a manifestación máis primixenia do teatro popular, e mesmo atreveríame a dicir que é o feito cultural europeo por excelencia, o único que se estende por todo o continente cunha base cultural moi semellante en todas as partes".  

Comentarios