mércores 05/08/20
Carla Pérez destaca a aposta no galego do Laboratorio Audiovisual de Vedra

"Tiñamos a alegría de que a xente respondese ás iniciativas, mais o premio Crea é un orgullo"

A Asociación Cultural Sen Un Peso promove formación no ámbito audiovisual dende hai dez anos. O fai co paraugas do Laboratorio Audiovisual de Vedra, que agora obtivo un recoñecemento das e dos profesionais do sector á traxectoria.
Carla Pérez recolle o premio CREA (Foto: Asociación Cultural Senunpeso)
Carla Pérez recolle o premio CREA (Foto: Asociación Cultural Senunpeso)

Carla Pérez forma parte da Asociación Cultural Sen Un Peso, creadora do Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV), que vén de lograr un recoñecemento das e dos profesionais do sector audiovisual. Máis alá da dedicación concreta a unha arte, o colectivo quere dar a coñecer Vedra e apostar no galego contando só con expertas e expertos da Galiza ou relacionados co país e con filmes na lingua nai. 

Avante Pouca
A asociación vén de gañar un premio de honra da entidade Crea de profesionais do audiovisual. Que significa isto?
É importante porque obtivemos o premio de honra na quinta edición dos premios Crea e trátase dun premio específico a toda a traxectoria do LAV.  

Cal é ese percorrido?
O que facemos desde hai máis de dez anos son uns obradoiros de formación audiovisual de calidade. Antes facíamos unha media de doce e, agora, facemos tres ao ano. É formación non regrada pero impartida por profesionais da Galiza. 

Houbo celebración?
Si. A verdade é que non o esperabamos para nada e é un premio de honra. Sempre dá moito orgullo recibilo. É para toda a traxectoria porque levamos dez anos. Nós xa temos a alegría de facelo cada ano e que a xente responda e que haxa impacto: créanse sinerxías en Vedra, coñécense profesionais que colaboran fóra e iso é un recoñecemento, pero que Crea tamén o recoñeza é unha alegría. 

Avante Media 
A que tipo de persoas está destinada a iniciativa?
A verdade que de todo tipo. Cando se tivo esta idea, ao principio era focalizada en persoas afeccionadas. Facer cursos de iniciación para a xente á que lle picase o gusaniño e quería saber se realmente lle gusta o audiovisual. Empezamos así pero despois vimos que tanto as e os amateur como outras expertas querían avanzar en formación. Entón empezamos a impartir leccións moi profesionais e, ao mesmo tempo, seguíamos a facer os cursos de iniciación. 

Por que se suprimiron obradoiros se tiñan éxito?
Hai dous anos quixemos darlle unha volta a todo o concepto do LAV. Viamos que si que tiña éxito. Xuntábanse en Vedra, de súpeto, 200 ou 250 persoas. Pero con tantas actividades non quedaba un impacto na zona de Vedra tan importante. 

Idearon outras accións?
Quixemos organizar un concurso de creación rápido no audiovisual. Dábanselle á xente uns requisitos e cada grupo tiña 48 horas para crear unha curtametraxe con 1.000 euros de premio en xogo. Levamos dúas edicións e, agora, estamos a ver como podemos facer a terceira edición este ano cumprindo as normativas. 

Cando serían as próximas actividades?  
Normalmente en outubro pero as datas que estamos a barallar son a última fin de semana de setembro para os obradoiros e a segunda fin de semana de outubro para o concurso. Aínda non están publicadas polo tema da pandemia. 

Avante Toda
Como xurdiu o LAV? Son profesionais do sector?
Hai un pouco de todo. Por exemplo, eu si traballo en realización en series e películas, pero hai un pouco de todo. As e os socios fundadores eran amadores que tiñan a inquedanza de facer as súas curtas. Aínda que non nos dediquemos todas completamente ao audiovisual, a maioría estamos relacionadas directa ou indirectamente. 

Sen Un Peso ten outras liñas de actuación?  
O LAV foi a actividade que máis repercusión tivo porque viña máis xente de fóra e xurdiu nun tempo no que non había tanta oferta de obradoiros non regrados impartidos por profesionais. Mais, a maiores diso, facemos cada ano un ciclo de cine de verán ao aire libre. Sempre é cine galego e sempre en parroquias de Vedra. A nosa actividade céntrase en levar a difusión audiovisual e o cine ás aldeas. En outono realizamos un ciclo de documentais, tamén galegos. 

comentarios