The Lákazans presentan o seu último traballo

"Sandwina vén enlazado co momento que está a vivir a muller na música e na vida"

Esta sexta feira The Lákazans estrean tempada de festivais no Fisterra Blues Experience. O conxunto de blues boirense tocará na Praza de Constitución de Fisterra ás 00:15h, onde presentarán Sandwina, o último traballo da banda. O disco chega após dous anos de traballo e cun son achegado a outros estilos da música americana como o rockabilly, o rountry, o soul e o swing. Falamos con Fran Sieira “Trilli”, batería e percusionista do grupo. VÍDEO NO INTERIOR DO SEU SINGLE "MY DARLING".

-Tocades no Fisterra Blues Experience a piques de comezar o verán e abrindo época de festivais. Xa hai ganas?

-Fíxonos moita ilusión a proposta. Está organizado por compañeiros do mundo do blues e tamén está metida a Sociedade de Blues de Compostela. É chamativo que tamén haxa organizados concertos en barco, nos que algúns de nós tamén participaremos xunto cos residentes Fisterra House Band.

-Que ten de novo Sandwina se o comparamos cos vosos traballos anteriores?

-Sandwina é a evolución do noso son e tamén das raíces da música americana. Ten similitudes cos discos que xa temos sacado, pero é un traballo máis maduro e cun son máis evolucionado e depurado. Aquí a maioría dos temas son nosos, só hai unha versión. Trátase de medrar, de ir facendo o que nos gusta dándolle o noso toque persoal.

-O disco recibe o nome da artista de circo vienesa coñecida pola súa forza, por que a elixides e que importancia ten no plástico?

-A idea do nome foi de Sabela King. A muller da portada do disco é Kate Brumbwach, unha artista de circo do século XIX que facía levantamentos de peso. Era unha muller forzuda e no seu momento desafiou Eugen Sandow, un culturista da época considerado o home máis forte do mundo. Gañoulle e adoptou o nome de Sandwina. Foi a persoa máis forte do mundo, non só a muller. Sandwina vén enlazado co momento que está a vivir a muller na música e na vida en xeral. É un xeito de achegar o noso pequeno grao de area á loita da muller.

-Levades oito anos xa na música. Como valorades a vosa traxectoria?

-Se ben é complicado vivir exclusivamente do mundo da música, no blues éo máis aínda. A maioría de nós necesitamos doutros traballos cos que compaxinar o grupo. A pesar diso, The Lákazans deunos moitísimas alegrías. Sempre tivemos moi boa acollida por parte do público, que amais é moi cálido con nós. Tendo en conta o talento desbordante de bandas coetáneas nosas, vivimos un bon momento na música galega. Agora, ás queixas de sempre haille que sumar o problema que temos coa nova Lei de Espectáculos en Compostela, mais no tocante ao público só podemos dar grazas. No campo da industria queda moito por facer, así que a ver se as administracións axudan un pouquiño.

-Como está o panorama da música blues galega?

-Somos xa bastantes bandas. Cada vez hai máis asociacións de blues en Galiza e xa levamos anos tendo importantes referentes como Los reyes del KO ou Bakin’ Blues Band, con moi boa aceptación entre o público xeral. Tampouco sería xusto atribuírnos a condición de banda exclusiva de blues, pois tamén tocamos outros paus como o country ou rock.

-Que actuacións tedes pechadas de cara a tempada de festivais de verán?

-Logo do Fisterra Blues Experience, tocamos este sábado 16 no Surfing The Lérez Festival, na Illa das Esculturas de Pontevedra. Máis adiante, temos programado participar no Festival Noroeste da Coruña e no Armadiña Rock de Combarro, ambos en agosto.

-Hai puntos en común entre a historia da emigración galega e o nacemento do blues americano?

.Todas as músicas de raíz teñen un compoñente común que son as músicas populares. Sempre houbo música arredor da xente e cada zona do mundo expresouse da maneira na que sabía. En América foi o blues e aquí en Galiza e nos lugares aos que fumos foron as nosas cantigas e a nosa música. Non hai ningún país que non teña o seu folclore. Nese aspecto, todas as músicas de raíz están feitas por xente da terra para a xente da terra. É un xeito de comunicarse radicalmente directo.

Comentarios