CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'The Interview'

Andrés Castro achéganos a polémica 'entrevista' feita filme que ten como protagonista o presidente de Corea do Norte, Kim Jong-un.

inte

THE INTERVIEW 
Ano
: 2014
Duración: 112 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: Evan Goldbert e Seth Rogen
Guión: Dan Sterling
Fotografía: Brandon Trost
Música: Henry Jackman
Elenco: James Franco, Seth Rogen, Randall Park, Lizzy Caplan, Diana Bang, Timothy Simons, Reese Alexander, 

SINOPSE
Dave Skylark (James Franco) e o seu produtor Aaron Rapaport (Seth Rogen), responsables do programa sensacionalista ‘Skylark Tonight’ conseguen unha entrevista sorpresa co ditador norcoreano Kim Jong-un. Son inmediatamente recrutados pola CIA para converter a entrevista nunha misión de asasinato.

CRÍTICA
Após do ciberataque norcoreano a Sony Pictures alá polo mes de novembro para que non fora estreada, e aínda recente o caso do Charlie Hebdo, que se converteu nunha corrente, xa diluída, a prol da liberdade de expresión á que se apuntaba ate o máis intolerante... é innegable que había unha enorme expectación para ver dunha vez The Interview. Que carallo hai nese filme que fixo cabrear tanto ao goberno de Kim Jong-un? Por que quixo sabotar a súa estrea? Acostuma pasar que o intento de prohibición dunha película -programa, serie, libro, revista ou calquera outra publicación- provoca o efecto contrario aos que pretenden a censura. Así que picada a curiosidade o resto vén só. 

A cousa vai de dous descerebrados do mundo televisivo, o tándem Seth Rogen-James Franco que repiten unha vez máis como parella cómica. James Franco é o famoso presentador Dave Skylark e Seth Rogen o seu produtor e amigo Aaron Rapaport. Tras un baixón de audiencia, enxergan unha grande oportunidade cando se lle ofrece entrevistar ao líder de Corea do Norte Kim Jong-un, que resulta ser un habitual seguidor do programa Skylark Tonight e grande admirador do seu presentador. Ante tal ocasión, a CIA non perde o cu e recrútaos para unha perigosa misión: acabar co dirixente norcoreano. Con esta premisa Evan Goldberg e Seth Rogen, no seu segundo traballo xuntos como directores tras a comedia Xolda ate o fin, aproveitan para partirse o eixo de todo. 

"Non me estraña que Kim Jong-un pillara semellante rebote. Pouco máis que engadir"

Absolutamente de todo. Sen filtro e, certamente, con dubidoso gusto, pero humor ao fin e ao cabo. Humor escatolóxico e desvergoñado onde non parece quedar ninguén a salvo. Préstanse ao escarnio caras coñecidas como Rob Lowe, Joseph Gordon-Levitt ou Eminem... mesmo se ve que Rogen e Franco están a pasalo como ananos facendo pallasadas mentres representan ao tarado medio norteamericano de poucas luces. Porén, e por suposto, a burla maior lévaa Kim Jong-un. Aínda que nun primeiro termo se deixa entrever que poñen sobre o tapete certos tópicos e falacias estadounidenses, acaban por sacar a careta e dar cera ao réxime norcoreano nunha sorte de cóctel entre Malditos Bastardos e Tropic Thunder con fío musical onde soa Katie Perry unha e outra vez... 

Non me estraña que Kim Jong-un pillara semellante rebote. Pouco máis que engadir. Boa factura, bos efectos especiais, un par de momentos destacables que invitan a botar unhas risas... o resto é máis ben esquecible. The Interview debe tomarse como o que é: unha comedia satírica que obtivo publicidade gratuíta por pasarse un pouco da raia. Nada máis. Se nos paramos a analizar certas cousas e mensaxes pode acabar perdendo a graza e incluso ser ofensiva. Así que mellor ir vela en modo encefalograma plano... 

Comentarios