domingo 26.01.2020

Terbutalina volven “A muerte”, a por todas e a por ti

En apenas un par de días, o novo disco de Terbutalina rulou pola rede como o seu nome indica, “A Muerte”. A mensaxe da desilusión e a rabia dunha xeración que camiñou os pasos indicados para chegar a ningunha parte canda a diversión e a enerxía que a banda ofrece ao vivo. De novo, como o seu nome indica, as dúas cousas, sempre “A muerte”. 

Terbutalina
Terbutalina

“A muerte”.  A expresión dá para todo, para o branco e para o preto. A por todas ou a por ti. “Reflicte o ton do disco, é a festa e tamén a desilusión que está latente. Varios sentidos, unha connotación negativa e tamén unha moi positiva”, explica Samu L. Paris, membro da banda desde a súa fundación. “Os temas nacen para que funcionen nos concertos, van cara iso. Coa expresión de “a muerte” queremos explicar tamén iso, intentar comprimir o tempo, dálo todo en poucos minutos, podería dar cincuenta explicacións distintas, pero esta é unha delas”, comenta Samu L. Paris dun disco de só 15 minutos en 10 temas, comprensión ao máximo para dálo todo sen lugar a grandes divagacións. 

Dálo todo. Esa é tamén a vontade da banda. “Non queremos mirar atrás e dicir que non o fixemos todo. Queremos desfondarnos como cando acabamos os concertos que precisamos unha hora e pico para volver a ser persoas”, explica o músico dunha intensidade que leva a frases contundentes, música potente e pouca vontade diletante nunha banda que non perde tempo sobre o necesario aínda que logo precise para se recompoñer de tanto ir “a muerte”. 

Nin un disco vendido 

Se aplicaramos o nome de Terbutalina a unha lenda promocional podería dicirse que o seu novo disco está entre os máis vendidos dos últimos días mais non sería certo. Desde os seus inicios en 2010, Terbutalina colga os seus discos -e xa van seis- na rede e ponos ao libre dispor de quen queira escoitalo. E son milleiros. Como di unha das súas frases promocionais “máis de setenta concertos en tres anos e nin un disco vendido”. Esa é a marca da casa, explotar os directos con toda a súa enerxía e así é de entender que agarden con impaciencia ver a resposta da xente ao seu “A muerte”, que se presentará na Sala Capitol o próximo 7 de marzo. 

Xusto un mes antes do que será esa primeira presentación ao vivo, o día 13 de febreiro, abríase a veda na rede para escoitar o seu novo “A muerte”. En só unha horas esgotaron as 200 descargas que a plataforma na que estaba pendurado permite por mes e non contan as escoitas que se fixeron desde a súa páxina web (5 mil). O interese por escoitar aos Terbutalina ir a matar co novo traballo quedaba demostrado mais eles continúan a estar expectantes polo seu encontro ao vivo co público, o ar do que viven. 

Seguimos os pasos para chegar a ningunha parte

Por que tanta potencia ao vivo? “Porque queremos divertir á xente, darlle algo positivo dentro do mar de desgrazas que vivimos”. Malia iso, o optimismo non é a clave máis manexada nos temas dos Terbutalina. Rabia e desilusión son, pola contra, sentimentos que se deixan ver no seu punk por momentos moi “garage”. “Somos a xeración da desilusión, é o que nos deixaron. Seguimos todos os pasos que nos dixeron e non fomos dar a ningunha parte, continuamos camiñando cara ningún lado”, explica da filosofía que, en boa parte, comparten os seus temas. 

Non teñen produtora, nin un disco que se poda coller nas mans, as súas cancións están sempre disponibilizadas para a libre descarga. Non cobran nin cren que cobrarán nunca dereitos de autor. “Hai quen continúa na teima de ter algo tanxíbel, aquí o único tanxíbel somos nós, cinco rapaces que o dan todo”. 

Agradecen, sen embargo, “que a xente gaste un par de perras en vir aos nosos concertos”. O seu é tocar ao vivo e consideran que o que son é por obra e graza dos seus directos. Tanto nunha sala ou festa como nos ensaios en privado, aos Terbutalina nótaselle o ben que o pasan, o que explica que a banda, cos seus cinco compoñentes se manteña, produza e goce nos seus concertos aos que volven en marzo nunha xira que os levará tamén a Barcelona e Madrid, entre outros destinos. “Tocar ao vivo non hai quen o pague”, conclúe Paris.

Sachar, sachar e sachar

A xente, como eles din, o público, é a verdadeira fortuna de Terbutalina, van a por el e fano “a muerte”, porque saben que é onde teñen oportunidade de gañar. Métenlle para iso horas de traballo e gozan como nada cando nun concerto escoitan que diante deles hai centos de persoas que coñecen a letra das súas cancións. “O tema é sachar, sachar e sachar, e nós facémolo”, conclúen. 

Nos textos de promoción do novo disco falan dun cambio con respecto aos anteriores traballos. “Antes eramos cabalos que ían soltos e agora imos máis amarrados aínda que se manteña

 a potencia. É máis elaborado. Estamos contentos co disco e agardamos que guste”, comentan desde a banda composta por cinco membros con orixe en Muros, que viven estes días o entusiasmo do seu novo traballo. 

Quince minutos e dez temas. “A muerte”. Así, en español, afondando nesa condición contraditoria do título ao ser unha banda que ten o galego como lingua musical. O dos Terbutalina son doses fortes en pequenas cantidades. “Facemos o que nos gustaría escoitar. Igual somos impacientes de máis. Somos xente da LOGSE, de pouco memorizar. Se vas facer un texto longuísimo que podes dicir cunha frase, pois dío cunha frase. Non andes a facer perder o tempo da xente”, comenta Samu L. Paris e a unha quédalle a mala conciencia de que esta información é xa longa de máis. 

comentarios