'Hostias para todos' no novo disco de Terbutalina

Terbutalina: Violent Femmes embarcaron nun palangreiro de Muros
photo_camera Terbutalina: Violent Femmes e os Pistols embarcaron nun palangreiro de Muros

‘Hostias para todos’ é o novo traballo da Terbutalina. Gravado a comezos do 2012 en Portugal en cuestión dunhas horas, reflicte segundo o grupo de Muros o que califica o seu son: “sinxelo e suxo”. É, tamén, o primeiro traballo da Terbutalina coa súa actual formación, de cinco membros. As composicións continúan na liña do ‘gastropunk’ amosado en ‘Broncodilatador’, o seu primeiro LP. Son sete cancións dun ton máis escuro no que hai desde punkeiradas como “Picolo (vas de verde)” ou “O teu corpo pide jerra” a outras alternativas, como “Xira Funeraria” ou “Suisidarse”. Tal e como afirman os Terbutalina, este traballo pode resumirse en tres palabras: “Estupidez, fame e velocidade”.

O disco publicarase o vindeiro 24 de maio. Poderase descargar de balde desde o BandCamp da propia banda e desde outras plataformas habituais. Lucirá capa deseñada por Arinspunk e o videoclip do tema “Suisidarse” acompañará a súa presentación.

A Terbutalina nace entre Ventín, Muíño do Vento e Esteiro (condados do estado de Muros) no 2010. Ex-membros de grupos como THE, Metralla, Skaiola Borrokal ou Süiss dan en se xuntar, tirar para adiante e elaborar unha recua de temas a medio camiño entre o rock de garaxe, o punk e outros sons.

Comentarios