Após sete anos de silencio editorial

'Tempo fósil' de Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura

Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018) supuxo a clausura dun silencio: o dos sete anos que a poeta Pilar Pallarés pasou sen dar libro ao prelo. Testemuño dunha destrución, talvez a máis directamente política das súas obras, acaba de valerlle o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura 2019.
Pilar_Pallarés_(AELG)-2
photo_camera A poeta Pilar Pallarés. Foto: AELG.

Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) xa fora unha das voces máis singulares das emerxidas na poesía galega dos anos oitenta. O seu alento fráxil e ao tempo rexo, cultista na expresión pero desolado e en carne viva, erótico tamén en sentido etimolóxico, informou títulos determinantes: Sétima soidade (1984) e, sobre todo, o Livro das devoracións (1996). Este último marcou a fogo non poucas das propostas máis novas do xénero na Galiza.

tempo fósilCon Leopardo son (2011) rachara outro deses longos períodos en que fica afastada dos territorios editoriais. Mais foi Tempo fósil a que a reconectou a autoras e autores máis mozos. Detectaron neste reconto adusto da aniquilación da casa, neste cemiterio de ósos non unicamente imaxinarios, partículas dunha verdade que os interpela directamente.

O xurado do galardón -dotado con 20.000 euros- entendeu que os seus poemas “transmiten con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e esgazada, a experiencia da perda do vivido”.

É a terceira galega distinguida nos Premios Nacionais do Ministerio de Cultura 2019, despois de Anxo Quintela na categoría de xornalismo cultural e Xosé Manoel Núñez Seixas na de ensaio. Só outro poeta galego e en galego se fixera antes coa distinción, Manuel Álvarez Torneiro en 2013 por Os ángulos da brasa.

Velaquí unha entrevista coa autora en que fala sobre Tempo fósil.

Comentarios