‘Tanxugueiras’, Palabra do Ano 2021

Tanxugueiras acaba de se converter na Palabra do Ano 2021, tras se facer coa maioría dos votos das persoas que participaron na elección popular promovida polo Portal das Palabras
Tanxugueiras web
photo_camera ¡

O topónimo Tanxugueira popularizado pola banda musical designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós, situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira, Dodro e en Viana do Bolo, como se pode comprobar na aplicación Galiza Nomeada, a plataforma para a recolleita colaborativa da microtoponimia creada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos, un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se tocaba o corno polas noites para espantalo. Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o 'teixugo', aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks.

A covid-19 si que deixa pegada no segundo, no terceiro e no cuarto posto da votación, que son para resiliencia, vacinódromo e gromo. Aínda que resiliencia, na acepción da capacidade dos seres humanos para se adaptaren positivamente ás situacións adversas, é unha virtude útil en calquera momento, non hai dúbida de que o impacto na vida cotiá da pandemia fixo que se escoitase máis ca nunca nos últimos tempos este cultismo que bebe do latín resiliens, forma que remite ao verbo resilire ‘saltar cara a atrás’.

A loita contra o coronavirus non só elevou ás primeiras planas palabras xa coñecidas que non adoitaban ser noticia, tamén promoveu a creación de novas voces coma vacinódromo, sen dúbida un dos neoloxismos do ano. Este vocábulo de xeración popular dá nome ao lugar ao que acudimos en peregrinación a nos vacinar contra a covid-19, e fórmase a partir do substantivo vacina e do sufixo -dromo. Este último, nun primeiro momento indicaba o sitio onde se desenvolvía unha carreira, aínda que na actualidade fai referencia a un lugar amplo destinado a unha actividade concreta, como pode ser un aeródromo. Por iso non sorprende que a fala xerase a voz vacinódromo para referirse ao lugar onde se efectúa a vacinación masiva da poboación.

Os votos dos usuarios e usuarias do Portal das Palabras deixaron en cuarto lugar a palabra gromo, que coa pandemia de coronavirus incorporou na súa entrada no Dicionario da Real Academia Galega o significado de “aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo”.

En canto a coada, na acepción referida ao manto de lava en estado líquido emitida por un volcán durante as súas erupcións, quedou en quinto e último lugar despois de moito repetirse nos medios de comunicación e na rúa debido á actividade volcánica que abriu tantos telexornais dende o mes de setembro.

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven dende 2014 a elección da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras, o proxecto que comparten para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da lingua galega. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Nas edicións anteriores foron elixidas Palabra do Ano nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Comentarios