Contracultura

Susana Álvarez (AGAL): "Queremos construír pontes que fagan efectiva a mobilidade na nosa lingua máis aló da Galiza"

Susana Álvarez forma parte do Consello da Associaçom Galega da Língua (AGAL), que organiza, xunto coa Academia Brasileira das Letras (ABL), unha lectura continuada de 'A república dos sonhos' de Nélida Pinón. O acto, que conta co apoio da Xunta da Galiza e do Concello de Compostela, dará comezo en Rio de Janeiro e continuará o 3 e o 4 de maio na Cidade da Cultura, na capital galega.
A redondelá Susana Álvarez forma parte da nova directiva da Associaçom Galega da Língua. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A redondelá Susana Álvarez forma parte da nova directiva da Associaçom Galega da Língua. (Foto: Nós Diario)
—Por que decidiron dedicar esta lectura continuada a Nélida Piñón?
Esta é a terceira das lecturas públicas anuais que estamos facendo na AGAL. Na anterior edición, en decembro de 2022, estabamos a ler a obra de Saramago, Ensaio sobre a cegueira, e aquel día recibimos a noticia do pasamento de Nélida Piñón. Aí vímolo claro. Estas lecturas xiran arredor de autores e autoras en lingua portuguesa, ou que utilizan o que a AGAL considera que é a lingua común. 

Nélida Piñón foi a primeira muller honoris causa da Universidade de Santiago, académica de honra da Real Academia Galega e presidenta da Academia Brasileira de Letras. Era unha persoa relevante, escritora e falaba de nós, porque A república dos sonhos é un romance que une a Galiza co Brasil a través da emigración. Pareceunos que podía ser unha homenaxe moi bonita para ela tamén. 

—A lectura terá lugar na súa versión orixinal, non si?
Exacto. Nós queremos facilitarlle ás persoas a posibilidade de familiarizárense cos textos na súa versión orixinal, neste caso en lingua portuguesa; mais paralelamente tamén queremos dar a ver que para nós é de grande utilidade coñecer esta norma. É a forma real e práctica de relacionarnos cos demais países da lusofonía. Neste sentido, este ano a lectura ten un formato máis amplo: até este momento o acto só tiña lugar na Galiza. Alén de decorrer tanto en Compostela como en Rio de Janeiro, o acto contará coa participación de voces da Galiza, o Brasil, Mozambique, Angola e Timor.

Queremos facer o esforzo de construír unhas pontes que nos aproximen máis e que fagan efectiva esta realidade, que as persoas ademais de sentirse aliñadas coa súa lingua, desde o punto de vista da identidade, tamén poidan ver que a súa lingua serve para moverse noutros ámbitos máis aló da Galiza. Tamén queremos crear o espazo para que as persoas experimenten por si mesmas que poden ler en portugués co sotaque que elas escollan: hai persoas que o viven como unha lingua allea e lerán como unha lingua diferente da que utilizan no seu día a día e outras persoas leremos xa directamente á galega porque entendemos esta ortografía como familiar. 

—O acto coincide coa data de nacemento da autora, 3 de maio, mais tamén se achega ao Día da Lingua Portuguesa, 5 de maio.
A nosa intención inicial era celebrar esta homenaxe na mesma altura do ano na que se fixeron a de Saramago e a de Carvalho Calero, en decembro, mais debido a cuestións organizativas decidimos deixala para a primavera. Dalgunha maneira, quedou todo ben aliñado e case me parece máis bonito que a homenaxe coincida coa data do seu nacemento e non coa do seu pasamento. Tamén, como unha forma de achegar esta realidade á xente máis nova, estamos ofrecendo ás escolas que así o soliciten un pequeno obradoiro de lectura rápida para familiarizarse cos trazos máis singulares, despois do cal o alumnado poderá participar no propio acto.

Para as persoas que non poidan achegarse esa fin de semana, tamén habilitamos a lectura virtual de maneira que poidan enviar un vídeo a través da páxina web, na que tamén será necesario inscribirse no caso de querer participar presencialmente (nelida.gal).

Comentarios