sábado 29/01/22

Os sotaques da lusofonía sentiranse no Festival “Ponte na... escena”

Como un novo encontro na lusofonía, “Ponte na... escena” xunta dos días 8 ao 11 de maio no Val Miñor compañías de Portugal, Galiza e Brasil. O festival de teatro, que nace da man do proxecto “Ponte nas ondas”, inicia a súa segunda edición con vontade de se establecer como espazo estábel para a xuntanza de compañías que comparten unha lingua común con diversos sotaques. 

.
.

O xermolo de “Ponte na... escena” naceu da inicial relación de “Ponte nas ondas” co teatro da man da compañía Limiar de Vigo. O espectáculo “Os catro da Xunqueira” mostraba a vontade do grupo teatral de se achegar a obras relacionadas co patrimonio inmaterial, trabe do proxecto que leva vinte anos recuperando a cultural tradicional da Galiza e o norte de Portugal. A obra “Fahrenheit” de Limiar Teatro afondou na parcería cando “Ponte nas ondas” botou a andar o proxecto das bibliotecas vivas, a memoria que se transmite de xeración en xeración. 

Ao encontro con Limiar Teatro sumouse o terceiro eixo que deu pé á creación de “Ponte na... escena”. “O director de teatro Moncho Rodríguez, afincado en Portugal, promovía o proxecto chamado “Fafe cidade das artes”, con moita comunicación con compañías do Brasil. Entre eles, Limiar e nós decidimos facer un festival galego-ortugués cun pefil que non existía”, explica Santiago Veloso, fundador e principal animador de “Ponte nas ondas”. As actividades do programa desta segunda edición esténdense a Baiona e Nigrán, na comarca do Val Miñor na que ten vontade de se instalar, co apoio do concello de Gondomar, sede do primeiro encontro co auditorio Lois Tobío como principal escenário. 

Vinte aniversario de "Ponte nas ondas!"

A edición deste ano cadra coa conmemoración do vinte aniversario de “Ponte nas ondas!” e o festexo chegará tamén ao festival de teatro que herda a filosofía deste pioneiro encontro da lusofonía. “O programa é máis ambicioso e abrimos varias liñas novas de actuación, entre elas, a do teatro infantil e xuvenil, coa proposta da recuperación da figura de Barriga Verde no proxecto “Morreu o demo” que cadra moito cos nosos obxectivos ademais doutros espazos dentro dunha programación na que participan unha compañía galega, unha portuguesa e catro brasileiras”, explica Santiago Veloso. 

O programa debuxa a intención da organización de ollar de maneira especial para a cultura da lusofonía de alén mar. “Boccacione” de Brasil presentará os espectáculos “O jovem teimoso que não quería morrer”, tamén para público infantil, e o clásico da literatura brasileira “A igreja do diabo”, de Machado de Assis. A premiada compañía “Toca de Teatro”, chega desde a Baia para levar á escena “Amnésis”. A súa directora, Maren Vargens, fará tamén unha intervención pública no bar Catro Camiños. A compañía da lusofonía instalada en París “Goudou Teàthre” incluirá no programa o seu “Almanaquem para uma viagem”. 

A idea do Festival é facerse notar na comarca e, con este obxectivo o espectáculo de “Fafe cidade das artes” titulado “Zé do pito o mata “ visitará as rúas de Baiona, Nigrán e Gondomar. As compañías promoverán tamén encontros con grupos amadores co fin de que a súa presenza contribúa ao intercambio de experiencias. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Os sotaques da lusofonía sentiranse no Festival “Ponte na... escena”
comentarios