domingo 24/10/21

Sons da Canteira achega a tradición galega aos xéneros urbanos

O festival decorrerá o 28 de agosto na canteira de Vilafría, no Porriño.
Unha imaxe da última edición do festival. (Foto: Sons da Canteira) #música #oporriño #festival #sonsdacanteira #boyankakostova #verto #trap #rap #electrónica
Unha imaxe da última edición do festival. (Foto: Sons da Canteira)

A canteira en restauración de Vilafría, en Atios, O Porriño, é o anfiteatro natural onde decorrerá a segunda edición do festival Sons da Canteira o próximo 28 de agosto. Esta terza feira tivo lugar a presentación a medios na Biblioteca Municipal da localidade.

Adrián Fragueiro, director do festival e promotor de Doppler xestión cultural, presentou “un cartel ateigado de talento galego que abre pontes co máis efervescente da lusofonía. A nosa proposta está comprometida cunha cultura galega emerxente e arriscada. Artistas novos mais cunha traxectoria forte. Son proxectos moi persoais que investigan na música desde as raíces e a atravesan de xéneros musicais como a electrónica, o trap ou o hip hop”.

Talento galego e unha ponte coa lusofonía

Boyanka Kostova, Verto, Mounqup, Pongo, a DJ Teresa Ferreiro e os Penediños de Atios son as seis bandas que soben ao escenario emblemático da canteira en reconstrución de Vilafría nesta segunda edición do festival Sons da Canteira. “Todas elas achegan a tradición á vangarda e á modernidade. Este é o selo do festival”, que destaca tamén “pola presenza de mulleres que encabezan a innovación e a fusión”.

Estará o ritmo de baile poderoso de Pongo, a raíña do kuduro. Será o único concerto en España desta música e cantante lisboeta de orixe angoleña. Soará a música da francogalega Mounqup, que estrea disco e espectáculo, cun pop electrónico moi enerxético e bailábel. Escoitaranse os sets da DJ compostelana Teresa Ferreiro, unha artista visual e investigadora musical que ten misturado para radios e eventos de todo o mundo.

E o persoalísimo trap galego de Boyanka Kostova, unha das bandas máis desexadas e viralizadas do momento. Igual que Verto, outros composteláns que innovan co trap e que arrasan tanto nos escenarios como no Spotify. Esta será unha das últimas oportunidades para velos antes do parón que anunciaron para outubro. Tamén haberá talento da zona, co grupo de danza tradicional Os Penediños de Atios, que xa na edición pasada acompañaron a Baiuca no escenario.

"Cear como nunha terraza" 

Para cear durante o festival haberá foodtrucks no recinto, con opcións veganas e sen glute. Será necesario recargar a pulseira de acceso, que funcionará con tecnoloxía cashless para facer os pagamentos.

Como novidade, o festival implanta un servizo de atención en mesa "cunha equipa de camareiros e camareiras, como nunha terraza", para evitar aglomeracións. 

comentarios