1 de abril: Día das Artes Galegas

As sombras do arquitecto Domingo de Andrade

O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén aproxímase á figura do arquitecto Domingo de Andrade (1639-1712) con motivo do Día das Artes Galegas, que se conmemora mañá, 1 de abril. É o artista escollido pola Academia Galega de Belas Artes para protagonizar unha xornada que empezou a celebrarse hai cinco anos. 
museo pobo galego
photo_camera Escada barroca do Museo do Pobo Galego (MPG)

Desde 2015 a Academia Galega de Belas Artes propuxo e vén celebrando cada 1 de abril como Día das Artes Galegas. Data escollida en memoria daquel día do ano 1188, cando o mestre Mateo ultima a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na catedral compostelá, tal como consta en epígrafe sobre os mesmos.

Desde entón e nesa ansia de consolidar esta nova advocación no calendario civil, varios creadores das diferentes artes da Galiza tiveron a súa homenaxe: Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, De la Sota, Seoane... e nesta longa coresma e confinada primavera de 2020, o celebrado será un arquitecto que entendeu a estética dun confín do mundo, de pedra, de bosques, de labirintos, mestre construtor capaz de erguer torres e escaleiras do caos ao cosmos, que abriu solemnes pórticos ao todo, fachadas e balcóns, enmarcadas entre sartas de froitos e volutas labrados nas súas pedras... Referímonos ao mestre de obras Domingo de Andrade, singular onde os haxa, cargado pois de esencias propias, comúns e do seu tempo, un estilo barroco con marca de terra, o barroco galego.

"Días" non so para celebrar a eses outros "santos" terreais , artistas galegos, senón tamén para exemplarizalos. Cómpre pois afondar non só en aspectos da súa vida, na súa obra e milagres, senón tamén no estado da cuestión do seu legado e dos estudos sobre eles. Neste caso sobre Domingo de Andrade e o seu tempo.

Sabemos que naceu en Cee nunha data arredor de 1639 e que si finou en Compostela en 1712. Persoeiro con inquietudes cultas en anos de virtuosismos artísticos, das primeiras bibliotecas e gabinetes de curiosidades, inquedanzas que abrirán a unha Ilustración de curiosos impertinentes, cando se levan, traen e se fan ver achados e ouro das colonias, das Américas, do oriente...

Andrade inicia estudos en Compostela, ansioso de transmitir e facer ver o que sabe, teórico, autor do libro Excelencias, antiguedad y nobleza de la Arquitectura (1695), como un Vitrubio da preilustración: páxinas básicas que partindo do clasicismo introdúcennos no coñecemento das súas inquietudes e nas do seu tempo. Ensaio científico no que interacciona xeometría e número, como algo divino, áureo. Libro posto en relación coa literatura apoloxética do seu tempo, disertación sobre a nobreza da arquitectura analizada por estudosos da arte como Bonet Correa e máis modernamente por Leopoldo Fernández Gasalla (2007). Coñecemos que Andrade mesmo tentou escribir outro tratado, este sobre arquitectura e enxeñaría militar.

A Berenguela

O seu nacente prestixio levouno, desde 1662, a ser requirido polo cabido compostelán para complementar a sempre inacabada catedral. Fábrica onde se fai querido e imprescindíbel, para ser mecenado polo bispo mexicano Monroy. En 1676 é nomeado mestre de obras da catedral, a un tempo que se lle encarga a súa grande e primeira obra arquitectónica, erguida sobre o vello torreón medieval dos tempo do bispo Berenguel de Lendoire, a Torre da Berenguela, logo chamada do Reloxo, por incluír a entón novidade mecánica de dar as badaladas das horas.

Torre rematada en 1680, caracterizada por esa exuberancia de ciprés, erguida ao ceo e ás horas do tempo, repartida en altura en catro corpos superpostos, en harmónica diminución, para rematar no octógono da lanterna, dar paso ao círculo, á esfera, culminado polo pináculo, a bóla e a cruz: do caos ao cosmos, da cuadratura ao círculo. Pétreos paramentos nos que alterna o liso coa característica decoración de herdos "orien tais", traídos e tamén levados ao alén mar crioulo que aumentan en medida que ascende: contraste de vans e cornixas, festóns, varandas con balaustres, volutas, miradoiros... Harmónica fermosura enxalzada na sobriedade rectangular da Quintana de Vivos e Mortos, a que obrigou a aplicar o termo berenguela para algo ben feito, "pareces unha Berenguela", que non pasou desapercibida a quen ten algo de poeta.

Da pedra á madeira: os retablos

A obra de Domingo de Andrade non só se reduce a proxectos arquitectónicos en pedra, senón que, como entallador de oficio que era, dedícase tamén a outros compositivos e á decoración en madeira, os retablos. E sempre na súa obra, a súa pegada, como unha marca que deixará influencias: as labras de sartas de froitas, as pomas entre follas atadas con lazos, as columnas salomónicas cargadas de acios de uvas, na madeira sobredouradas polos especialistas batioxas, cunha ansia de aproximar ao ceo.

Velaí o modélico tabernáculo da catedral compostelá, co seu grande baldaquino sostido por catro xigantes anxos ou o da exuberante capela do Cristo de Ourense, o que nos remiten ao perdido -en dramáticas circunstancias nos acontecementos de abril de 1909 - do mosteiro de Oseira (Cea). Tamén se lle atribúen retablos como o que existiu en San Domingos de Bonaval, hoxe na parroquia de Santiago de Carril e o das Clarisas de Compostela, o mesmo órgano da catedral, o relicario da igrexa de San Paio na mesma Compostela. En 1695-1696 o bispo Monroy encoméndalle realizar unha vella teima súa en relación coa "hispanidade": converter a antiga sancristía da catedral compostelá en capela do Pilar, para compracer o promotor cargará a cúpula de símbolos xacobeos.

Andrade proxectou tamén pazos e en Compostela mansións urbanas modélicas, como a Casa das Pomas da Rúa Nova ou a Casa das Parra, asomando á Quintana, a da paza de Feixoo, a casa da Conga pechando a Quintana... unha e outras destacando no interior solemnes escalinatas.

Así mesmo deixou obra na catedral de Lugo: a sancristía e a sala capitular, así como a igrexa do convento das dominicas de santa María Nova. Trazas. En Melide da igrexa de San Antonio de Melide...

As pegadas

A pegada de Andrade bateu nos arquitectos que lle seguen, como Diego de Romay (1641- 1694), Fernando Casas Novoa (1670-1750), Simón Rodríguez (1679-1751), Lucas A. Ferro Caaveiro (1699-1770), Clemente Fernández Sarela (1716-1765)... marcando ese particular estilo na pedra e na cultura galega, denominado barroco compostelán ou galego, en contraste con nacentes presupostos academicismos neoclásicos metropolitanos.

Sánchez Cantón, Chamoso, Filgueira, Fraguas, Socorro Ortega Romero, M. C Folgar de la Calle singularizaron a Andrade ao tratar o barroco. O ceense Francisco F. Mayán Fernández, Sebastián González-García adiantaron tamén pequenos monográficos que abrirán a máis amplos estudos. Andrade deixou abundantes documentos, fundamentalmente nos arquivos da catedral da Universidade e no municipal de López Ferreiro de Compostela: planos, proxectos, debuxos, monteas... estudadas polo profesor Miguel Taiz Guzmán, por Ana Goy, Vigo Trasancos... Un traballo sempre inacabado.

Sabemos que o día 12 de novembro de 1712 , aínda co remol das fogueiras dos magostos, finou en Compostela, para ser enterrado cos honores de gran mestre construtor na capela da Concepción da catedral que el aínda singularizou máis... ao cabo dos anos os seus restos mortais quedaron confundidos entre outros anónimos defuntos... Agora, por iniciativa da Fundación da Catedral e da Academia Galega de Belas Artes porase un epitafio.

Quedou en min, entre outras, nos anos de estudo na Facultade de Xeografía e Historia compostelán a pegada daquel retrato imaxinario de Domingo de Andrade feito polo pintor Felipe-Criado, recollendo o arquitecto, apoiado en si mesmo, mirando por unha xanela aos volumes verticais e horizontais de Compostela, como un novo pensador... e así o imaxinamos, como caviladora sombra, seña entre as luces do seu ouridourado Barroco, onde mellor pousar un eterno outono que diría Cunqueiro.

Comentarios