xoves 21/01/21
Integrante da empresa de deseño e ilustración que buscar pór en valor o noso patrimonio cultural

Sofía Iglesias: "En Xiralúa inspíranos a cultura e queremos reivindicar o inxente patrimonio que hai"

Fernando López e Sofía Iglesias coñecéronse logo de realizar un máster e mentres buscaban traballo ou prácticas laborais. Dese encontro naceu, entre 2015 e 2016, o estudio creativo Xiralúa. Unha empresa na que se traballan o deseño gráfico e a ilustración para imaxe corporativa e maquetaxe de publicacións editoriais e, sempre, a inspiración sae da cultura galega. No arranque do ano formaron parte do Mercado de Nadal de Compostela. 
Fernando López e Sofía Iglesias son os creadores da marca creativa Xiralúa. (Foto: Olaia Vázquez)
Fernando López e Sofía Iglesias son os creadores da marca creativa Xiralúa. (Foto: Olaia Vázquez)

Como bota a andar Xiralúa?

Entre 2015 e 2016 estabamos a buscar traballo logo de facer un máster e, como Fernando estudou deseño gráfico e a min sempre me gustou o artesán, empezamos a facer produtos e naceu Xiralúa. Comezamos a funcionar nas dúas disciplinas, a crear artigos e... pouco a pouco, chegamos aquí.

A día de hoxe desenvolvemos unha liña de produtos propia, con deseños inspirados sempre na cultura galega, e levámola a distintos formatos e obxectos de uso cotiá, como mochilas, cadernos... E tamén facemos deseño gráfico para empresas, logotipos, imaxe corporativa, cartelaría, maquetaxe... 

Mais non teñen tenda física.

Non temos tenda física pero si puntos de venda, tendas que colaboran con nós. A primeira foi A Vella Fábrica de Lapis de Ferrol, coñecéronnos supoño que a través do Facebook, viron os produtos e preguntaron se podían vendelos na súa tenda.

E así fomos, pouco a pouco, cunhas e con outras loxas, e dese modo tamén podemos ter os nosos produtos en tenda física. A tenda leva unha porcentaxe, obviamente, por ofertar o produto. E sacamos tamén unha loxa en liña, creamos hai pouco unha nova e agardamos que arranque ben.

Daquela descartan ter presenza física?

Ao principio nin o pensamos, a día de hoxe si que o temos máis na cabeza, pero segue a ser difícil con todos os gastos que supón un local, aínda que si que nos gustaría, xa non só para vender o produto, porque iso ao ter tamén a colaboración coas tendas vai saíndo, senón para desenvolver a parte de estudio de deseño, para traballar con empresas, particulares...

Tamén sería un escaparate pero polo momento non vai ser posíbel.

Si van ás feiras, hai pouco estiveron en Compostela...

Ao principio, sobre todo para darnos a coñecer, fomos a bastantes feiras, ás veces de forma precaria porque eramos moi novatos e, despois, conforme foi avanzando o proxecto, dificultóusenos máis poder asistir e ese tipo de eventos.

A día de hoxe sempre imos ao Festigal e ao Mercado de Nadal de Compostela, porque é moi difícil compatibilizar todo: as tendas pídenche material, tamén o tes que pór na tenda en liña, nas feiras tes que ter os medios... 

A posta en valor da nosa cultura e do noso patrimonio é inherente ao proxecto?  

Non é que houbera un proxecto detrás, de dicirmos: “imos pensar que temática desenvolveremos”, senón que xurdiu dun modo natural. Saíunos de dentro, por parafrasear a Celso Emilio. É o que nos inspira, queremos que guste, reivindicar o que hai, porque temos moitísimo patrimonio, é inxente o que hai, e que nos vale para inspirarnos, non só a cultura popular, senón a literatura e o que imos lendo. 

Como valoran estes cinco anos, en especial 2020, e que plans teñen para o futuro?

Cando empezamos non pensabamos que chegariamos até onde estamos agora, nese senso estamos contentos. Cada vez hai máis tendas interesadas en nós e máis xente compradora e a tenda en liña, con todo este problema da Covid-19, funciona moi ben.

Estes días de mercado falabamos do futuro e temos a idea de acoutar un pouco máis o proxecto, quizais, quitar algún produto e potenciar outro, condensar a elaboración para poder servir máis material, e sacar novos deseños, porque á xente gústalle moito o cambio neste mundo tan cambiante. E, en fin... A idea é seguir aquí mentres poidamos e facelo sempre mellorando.

comentarios