A CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"O sinal", para amantes da fantasía e a ciencia ficción

"O Sinal" é a proposta de sexta feira do noso crítico de cinema. Un filme que do fantástico á ciencia ficción con doses de terror psicolóxico. 

cine


Título orixinal: The Signal
Ano: 2014
Duración: 96 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: William Eubank
Guión: William Eubank, Carlyle Eubank e David Frigerio
Fotografía: David Lanzenberg
Música: Nima Fakhrara
Elenco: Brenton Thwaites, Olivia Cooke, Laurence Fishburne, Beau Knapp, Lin Shaye, Robert Longstreet

SINOPSE

Nic, Haley e Jonah son tres amigos en ruta polas estradas do suroeste norteamericano. Tras recibir un sinal dun hacker deciden cambiar de plans e ir tras a súa procura para ver quen se está a colar nos seus ordenadores. A pista lévaos ate unha casa abandonada cando de súpeto algo os ataca. Nic esperta desorientado nun complexo gobernamental rodeado de médicos en traxe anti-contaxio.

CRÍTICA

"Unha interesante alternativa para @s amantes do xénero fantástico e de ciencia ficción que busquen rarezas á marxe da industria".

Avalada polo premio aos Mellores Efectos Especiais no pasado Festival de Cinema Fantástico de Sitges, O Sinal antollábase unha excelente alternativa ao borreguismo da multitudinaria estrea de Cincuenta Sombras de Grey: unha sala en toda Galiza fronte as 50 salas que lle reservaron ao señor Gris. Patético. Pero a pela é a pela... Pois ben, seguindo o instinto cinéfilo alá fun a por esa obra pequeniña e independente de ciencia ficción lo-fi que é O Sinal. A cousa vai de tres mozos que percorren en carro o país antes da incipiente separación de cada un polo seu lado por mor das inquietudes de estudos universitarios. Nic e Jonah son dous xenios da informática mentres que Haley, a noiva do primeiro, está máis preocupada por outros mesteres. Cando un pirata informático se cola nos seus ordenadores, deciden cambiar a ruta e ir ver quén é. É aquí onde a historia da o primeiro xiro. Fundido a negro. Nic esperta nunha camiña de hospital cun código escrito no pulso: 2.3.5.41. Un número de preso? Un código? Unha dirección IP? O complexo está rodeado por médicos con escafandro anti-ébola, ou algunha outra enfermidade extremadamente contaxiosa. Mais todo apunta a que os tres amigos foron froito dun contacto cunha entidade biolóxica extraterrestre e van ser obxecto de estudo gobernamental. A trama discorre por sendeiros que van do fantástico á ciencia ficción con doses de terror psicolóxico. O Sinal transmite desacougo tal e como se estivéramos nun mal soño.

Quen non soñou algunha vez que se está nun lugar descoñecido e que todo o mundo parece conspirar contra un? Pois a cousa vai diso. A medida que avanza a trama o protagonista detecta que as cousas non encaixan. Intúese unha estraña conspiración. Nada é o que parece. Continuos xiros de guión sorprendentes ate un clímax que acaba por explicar todo o que pasa. A película atrapa. É un pouco tramposa, pero atrapa. Nótase que está feita con bastante mimo por William Eubank, un artesán multidisciplinar (fotografo, guionista, editor, decorador, produtor...) que presenta o seu segundo filme e que apunta maneiras no campo da ciencia ficción. Factura independente con actores descoñecidos (salvo Laurence Fishburne), efectos especiais moi conseguidos e bastante orixinalidade en canto a resolución de conflitos. Pódeselle achacar un falido intento de tratar de sorprender mediante continuos xiros de guión, pero a sorpresa remata cara a metade do filme. Xa intuímos o que pasa aínda que o director se empeñe en seguir sacando ases da manga ate o final como se fóramos parvos... Un final, por certo, que non direi a qué se parece para non estragar o filme... “si?” Con todo, os momentos de desasosego e tensión están moi logrados. Unha interesante alternativa para @s amantes do xénero fantástico e de ciencia ficción que busquen rarezas á marxe da industria.

Comentarios