Silencio nas salas de concertos

As salas de concertos mantéñense en silencio por seren consideradas ocio nocturno. Ante esta situación, a xerente da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, María Nieto, sinala que "se non se atopa solución moitas salas fecharán permanentemente". Malia isto, os responsábeis de diferentes estabelecementos da Galiza manteñen a esperanza e o esforzo para seguir programando eventos culturais, aínda que nalgúns casos non cheguen a dar beneficios económicos. 
The Turres Band actuando na Sala Rebullón (Mos) o pasado novembro
photo_camera The Turres Band actuando na Sala Rebullón (Mos) o pasado novembro. (Foto: Gloria Montenegro)

O silencio nas salas de concertos da Galiza mantense desde que en marzo do ano pasado se proclamou o confinamento por mor da pandemia da Covid-19.

Nun breve espazo de tempo, durante o verán de 2020, a música volveu soar nestes locais galegos, mais a Xunta decretou a mediados de agosto o fechamento do ocio nocturno, incluíndo estes estabelecementos que “funcionan de modo análogo”, segundo a Administración galega.

Actualmente existen preto de 50 salas de concertos, segundo indica a xerente da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, María Nieto en conversa con Nós Diario. Nieto sinala que estes espazos "non poden realizar o súa función porque na orde do Diario Oficial da Galiza (DOG) do 15 de agosto de 2020 a Xunta considéranos ocio nocturno malia que no catálogo de actividades non se estabelece esa equiparación e temos moi claro que as salas de concertos e os pubs ou discotecas non son o mesmo”.

Existen casos, como a Sala Malatesta de Santiago de Compostela, que levan desde entón sen poder organizar concertos. “Non podemos programar nada porque non hai opcións. Os concertos sentados, se non están subvencionados, son moi complicados de sacar beneficio porque a xente non consome e, en todos os casos, o beneficio lográmolo a través das barras, xa que a venda de entradas case sempre vai para as e os artistas”, indica a responsábel da sala, Catuxa Irago, ao xornal. 

Neste estabelecemento, con capacidade para 500 persoas, “de poder levar adiante algún concerto, teríamos que facer un importante investimento para poder conseguir o mobiliario adecuado para o público, mais actualmente non temos ningún tipo de ingreso”, apunta Irago. Malia isto, a responsábel indica que a Sala Malatesta “non vai fechar permanentemente porque conseguimos chegar a un acordo co propietario do baixo para que non nos cobre o alugueiro”. Este pacto "é o que está a facer que os locais resistan", asevera Irago.

A responsábel desta sala cualifica de “abandono” a situación na que se atopa “porque non sabemos como van lexislar a partir do 9 de maio, que restricións imporán ou se vai ser rendíbel a programación de concertos”. 

As axudas “non son específicas e directas ao sector, que temos que seguir pagando impostos, auga e luz, e vemos como as nosas licenzas están intervidas, mais non nos indemnizan por iso”, critica. 

Con respecto ás subvencións que a Xunta da Galiza adxudicou dentro do marco Xacobeo 2021, indica que “son axudas de 20.000 euros cun mínimo de 15 concertos, que facendo contas dá a 1.200 euros por actuación, o cal é inviábel”, apunta Catuxa Irago, que ve "moi incerto o futuro deste sector". 

Respecto a esta cuestión, Nieto sinala que as axudas da Administración galega non “son o que esperabamos desde a asociación porque non son axudas directas, son para a organización de ciclos de música e nós cremos que xa estamos unha situación que se pode equiparar ás axencias de viaxes, ás que si se lles deseñou unha axuda directa”, agrega. 

"Non van ser as únicas"

Dentro da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, dúas das súas 40 integrantes anunciaron o seu fechamento permanente, o BâBâ Bar na Coruña e O Contrabaixo en Vigo. Esta situación “é insostíbel e de non atopar unha solución o antes posíbel non serán as únicas que baixen para sempre o seu enreixado”, asevera a xerente. 

Ademais, "poderíamos perder o noso ecosistema cultural xa que, se fechan máis salas, os músicos non terán o seu espazo para poder actuar e isto podería implicar a perda de novas xeracións de artistas na cultura galega", sentencia Nieto.

Para evitar esta situación, entre outras actuacións, a asociación está a traballar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para realizar unha adaptación de licenzas que actualmente sofre “unha discrepancia de criterios en todo o país que fai que, coas mesmas características, un local poida ser unha sala de concertos en Vigo, mais non na Coruña malia ser cidades análogas”, expón Nieto.

Esta diferenza de licenzas é o que permite que outros locais poidan programar concertos en directo con público. Lugares como a taberna-cultural A Arca da Noe, en Vilar de Santos, antes da pandemia chegou a programar máis de 100 concertos ao ano e na declaración do estado de alarma tivo que suspender preto de 70 eventos. A súa responsábel, Noemí Vázquez, mantén o seu afán por “dinamizar a miña comarca e seguir creando país” co seu “proxecto de vida” que é a Arca. Desde marzo realiza concertos-xantar na carballeira de Carabuñas (empresa de produtos derivados do sabugueiro da zona) , un espazo ao aire libre “que permite cumprir cos protocolos e poder realizar eventos economicamente viábeis”, indica Vázquez en conversa con Nós Diario.

Sen beneficio económico

Pola súa banda, o Café Cultural Auriense, en Ourense, subsiste “grazas ás terrazas porque a nivel cultural non podemos realizar nada”, indica ao xornal un dos responsábeis do local, David Paz. O ano pasado alcanzaron unhas perdas de 26.000 euros e “continuamos abertos porque tanto a miña socia coma min non cobramos polo noso traballo. Por sorte temos familias e amigos que nos apoian para poder seguir mantendo o Auriense”, destaca Paz.

Actualmente están a barallar a opción de “realizar actos culturais sen hostalaría durante o verán, sabendo que iso implicará que non se logre un beneficio económico, mais temos que dinamizar o noso espazo porque a cultura é realmente a nosa escena”. Isto implicaría “que seguramente teñamos que pór do noso peto para poder realizar concertos ou actividades, mais estando a cidade na situación cultural na que se atopa, onde desde o Concello queren privatizar a xestión do auditorio municipal, temos que ser as iniciativas privadas as que apostemos polo nosos”, sinala Paz. 

Outra sala que tamén asume esa falta de beneficio económico para seguir programando é a Sala Rebullón, dentro do Centro Social, Cultural e Deportivo As Pedriñas en Mos, onde o seu responsábel, Carlos Villar, 'Cao', destaca que “traballamos tres veces máis para ter tres veces menos xente, mais senón o facemos nós, quen o fará?”. Despois de tres meses fechados pola situación sanitaria, a Sala Rebullón comezou a súa programación o pasado sábado cos concertos de Grima e Youcanthide, cunha capacidade de 60 persoas en lugar das 300 que pode alcanzar a sala. "As únicas axudas que nos chegan son as da Deputación de Pontevedra dentro do seu catálogo Pontegal, mais nin Concello nin Xunta achegan nada para que poidamos seguir adiante”, conclúe Villar.

Comentarios