A medida provoca o malestar do sector

A Xunta trata os concertos en salas como ocio nocturno e cancela os seus ciclos de música

Unha nova vaga de cancelacións afecta o sector musical galego de maneira dramática. A Xunta fixo pública esta semana a súa decisión de suspender toda a programación dependente do apoio de Agadic durante os meses de agosto e setembro, para adaptarse ás medidas de saúde pública que inclúen, de maneira indefinida, o feche dos locais de ocio nocturno. O sector acolle a nova con incomprensión ante a localización das medidas e a equiparación da actividade das salas de concertos a pubs ou discotecas. 
Tanxugueiras é un dos grupos que viu aprazados os seus próximos concertos en Vilalba e Monterroso.
photo_camera As Tanxugueiras nun concerto, antes do confinamento.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dependente da Consellaría de Cultura e Turismo, anunciou a comezos de semana a conxelación de toda a actividade musical que se facía baixo o seu apoio. Suspende, de tal maneira, con efecto inmediato, o circuíto Directos Xacobeo'21 en Salas e os eventos da Rede Galega de Música ao Vivo.

A Agadic entende que esta decisión está xustificada con base ás medidas en materia de saúde pública adoptadas nos últimos días para responder ao incremento de casos positivos de Covid-19, que inclúen, entre a definición dos locais de ocio nocturno, salas de concertos que "desenvolvan actividades de forma análoga".

A cancelación abrangue todos os concertos previstos en ambos os programas durante agosto e setembro. A Xunta asegura que facilitará a reprogramación unha vez se levanten as actuais medidas de control sanitario que obrigan ao feche do lecer nocturno, sen data final neste momento.

As medidas adoptadas inclúen, entre a definición dos locais de ocio nocturno, salas de concertos que "desenvolvan actividades de forma análoga"

Cun orzamento de 400.000 euros, os Directos Xacobeo'21 presenta prevían entre os meses de xullo e outubro 131 concertos, 70% antes do 1 de outubro e con 108 bandas galegas de todos os estilos nun máximo de 40 salas. Pola súa banda, a Rede de Música o Vivo incrementaba 17% o orzamento para situarse case en 200.000 euros, destinados á contratación de 81 bandas e artistas, galegas na súa maioría, que farían até 250 concertos en 20 salas, cunha concentración no segundo semestre por mor da inactividade dos meses do confinamento.

Cultura ou ocio nocturno

Aínda que Agadic manifesta que foi unha medida "coordinada coas asociacións profesionais Clubtura e Músicas ao Vivo", Alberto Grandío, o presidente da primeira, asegura que a institución tomou a decisión "unilateralmente". O dono do Club Clavicémbalo (Lugo), integrante tamén da directiva da Asociación Estatal de Salas de Privadas de Música en Directo, asegura que reciben a nova entre "perplexos e cabreados", se existe algún adxectivo intermedio.

O malestar atinxe especialmente á equiparación da actividade cultural das salas coa dunha simple discoteca. "Non podemos estar de acordo con esta tabula rasa que iguala a cultura a ocio nocturno", coincide Xabier Mera, vicepresidente de Músicas ao Vivo, máis aínda cando o sector vén demostrando un "comportamento exemplar e exquisito" no que atende á prevención.

"Non podemos estar de acordo con esta tabula rasa que iguala a cultura a ocio nocturno", coincide Xabier Mera

Grandío manifesta a súa incomprensión ao non permitir, por exemplo, un cambio de horario dentro dos límites estabelecidos para a hostalaría, e avogar directamente pola suspensión de concertos. Noemí Vásquez, da Arca da Noe, un local referente que dinamiza desde Vilar de Santos a vida cultural de boa parte da comarca da Limia, recibiu a nova con sorpresa e, de novo, incerteza, unha palabra que se repite neste escenario inexplorado do pandémico 2020.

Ela vese na obriga de cancelar a programación do que queda de mes, que tiña lugar no exterior, no espazo da terraza: Xacobe M. Antelo Trío, Ataque Escampe, Tres Pés, Lin Choo, Noar e A banda da Balbina. Segundo lembra Vásquez, a suspensión afecta tamén, para alén das e dos músicos, outros profesionais xa contratados, como a empresa de son que se ocupa das actuacións.

"Non se trata unha macrofesta", di, facendo fincapé no esforzo que salas como a súa están a facer para adaptar espazos e oferta a todos os protocolos

"Non se trata unha macrofesta", di, facendo fincapé no esforzo que salas como a súa están a facer para adaptar espazos e oferta a todos os protocolos, con medidas como a redución da capacidade de público e a distancia interpersoal.

Entre os múltiples concertos que se verán afectados, SonDaRúa non tocará na sala Rebullón este sábado. O membro do grupo de rap Álex Arnoso manifesta a súa incomprensión ante a situación sen un comunicado claro á comunidade artística, e que non acaba de entender nin desde un punto de vista sanitario, pois afecta unicamente a estes eventos. "Ou cancelan todos ou ningún, non ten sentido", reflexiona. Mera tamén destaca a arbitrariedade da medida, sen evidencias de que as salas de concertos resultasen focos de contaxio.

Descoñecemento do sector

Aínda que en teoría se trata, segundo manifesta Agadic, dun adiamento das datas destes ciclos, unha sala con programación "seria" non resulta tan doado reaxendar, explica Grandío. Ademais, a situación complícase ao afectar en principio dous meses de verán, a época forte para a meirande parte destes estabelecementos.

Nesta liña, a decisión demostra en opinión de Mera, de novo, a "falta de comprensión" da Xunta do sector musical, e supón un "revés moi duro para as persoas que viven de exercer unha profesión moi estacional" e sen iniciativas ou axudas "directas aos creadores",  os primeiros e máis prexudicados, que se senten especialmente desprotexidos.

Grandío traslada que están a manter conversas con diferentes entidades, "loitando para que nesta normalidade os músicos poidan comer e nós non teñamos que fechar"

Grandío traslada que están a manter conversas con diferentes entidades, "loitando para que nesta normalidade os músicos poidan comer e nós non teñamos que fechar", un horizonte no que agroma a inquietude, coa pantasma da parálise do confinamento. Mera, preocupado pola extensión das cancelacións tamén a concellos, chama á calma. Vásquez agarda que se poida, aínda que sen moita esperanza, chegar a unha solución menos drástica.

Comentarios