Sica Romero recibe o Premio San Clemente por 'Avelaíñas eléctricas'

O acto de entrega celebrarase o día 7 de febreiro ás 18 horas no Auditorio do instituto compostelán. As tres autoras protagonizarán encontros co alumnado o propio mércores e tamén o xoves, día en que as actividades se ampliarán ao IES Pontepedriña.

Sica Romero.
photo_camera Sica Romero.

O XXVII Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, celebrará o seu acto de entrega o vindeiro día 7 de febreiro coas escritoras galardoadas neste 2024: Sica Romero, quen gañou no apartado de novela galega por Avelaíñas eléctricas (Nêspera Editora); Brenda Navarro, cuxa obra Ceniza en la boca (Sexto Piso) acadou o premio en novela en castelán, e Nell Leyshon, distinguida pola obra La escuela de canto (Sexto Piso) na categoría de lingua estranxeira. 

O acto de entrega celebrase no Auditorio do IES Plurilingüe Rosalía de Castro ás 18 horas da vindeira cuarta feira, xornada na que as autoras protagonizarán un amplo programa co alumnado do Rosalía de Castro, así como con estudantes procedentes dos outros nove centros implicados nesta edición.  

Ás 10.15 horas a británica Nell Leyshon celebrará unha mesa redonda con estudantes ao redor da súa obra e do oficio da escrita. Xa ás 11.40 chegaralle a quenda á galega Sica Romero. E ás 13 horas, as tres autoras premiadas ofrecerán unha rolda de prensa conxunta aos medios na Sala de Claustros do centro. Xa pola noite, as novelistas participarán nunha cea literaria no Hostal dos Reis Católicos na que compartirán mesa co alumnado que actuou de xurado nesta edición.

A actividade continuará ao día seguinte, ás 10.15 no Auditorio do IES Rosalía de Castro  coa autora mexicana Brenda Navarro, quen manterá unha mesa redonda co alumnado. Ademais, este ano o IES Pontepedriña acollerá dúas charlas coas outras dúas gañadoras: Sica Romero, quen terá o seu encontro ás 9.30 horas, e Nell Leyshon, ás 11.30 horas. 

Avelaíñas eléctricas

Avelaíñas eléctricas (Nêspera editora), a primeira novela de Sica Romero (Carnota, 1995), foi a galardoada na categoría de novela en galego. Dela o xurado destacou a súa capacidade de “concentrar” unha “gran variedade de temas de actualidade” e a aposta da escritora por “romper prexuízos” ao empregar o seseo e mais a gheada con naturalidade, convertendo o "dialectalismo" en  ferramenta literaria. Para o xurado, Avelaíñas eléctricas é "unha obra próxima á realidade da xente nova".  

Avelaíñas eléctricas, cun estilo delicado e próximo, achégase a diferentes temas universais (desde o amor á violencia, pasando pola ética, a discriminación, a sexualidade ou as adicións) a través de dúas voces narrativas que se van intercalando no libro. 

Estas voces pertencen a dous personaxes diferentes, Olivia e Mariña, que nos contan dende cadanseu punto de vista a súa historia compartida.  

Comentarios