Cinema

Shortcutz Amsterdam visita a Galiza da man do FICBUEU

O Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés.
Fotograma de 'A capella in D Minor'.
photo_camera Fotograma de 'A capella in D Minor'.

Esta tarde, o Centro Social do Mar de Bueu e da man do FICBUEU, acollerá a proxección, por primeira vez na Galiza, das seis pezas audiovisuais que optan ao Premio Internacional do Público do festival Shortcutz Amsterdam., brindando oportunidades de exhibición, conectando cunha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria. 

Cada ano, e en colaboración con outras institucións e festivais de todo o mundo, o Shortcutz Amsterdam convida ao público internacional a escoller a súa curtametraxe neerlandesa favorita do ano. Até o 19 de xaneiro, as persoas interesadas poden asistir ás proxeccións que se levarán a cabo en todo o mundo, desde Berlín e Londres ata Atenas ou Maputo, pasando, por primeira vez, pola Galiza. 

Da man do festival de Bueu, esta proxección farase ás 21 horas no Centro Social do Mar da vila. Durante a proxección, a organización proporcionará á audiencia papeletas para participar na votación global que escollerá a mellor curtametraxe. A película gañadora xeral darase a coñecer na cerimonia de entrega de premios do 11º Shortcutz Amsterdam o 21 de xaneiro de 2024. 

Os filmes que conforman a sesión son: A Capella in D Minor, de Malu Janssen; Fly, de Patty Stenger; Gnomes, de Ruwan Heggelman; I'm not a robot, de Victoria Warmerdam; Jammed, de Isis Cabolet; e New Babylon, de Gideon van der Stelt. 

Para asistir é preciso mercar entrada a través da tenda web do festival (www.ficbueu.com/tenda) ou no despacho de billetes do auditorio da vila a partir das 20.30 horas. 

Comentarios