Contracultura

Marta Valverde: "Coa miña curta quería facer que a xente se preguntase cousas que nunca antes pensara"

Marta Valverde, cineasta, recibiu o galardón na categoría GZ_00 do FICBueu pola súa curta 30’ 70 60’ 120, na que busca retratar unha cara da prostitución “que non ten nada que ver coa imaxe que temos normalmente na nosa cabeza”.
A cineasta Marta Valverde recibiu o galardón GZ_00 no festival de cinema FICBueu (Foto: Nós Diario).
photo_camera A cineasta Marta Valverde recibiu o galardón GZ_00 no festival de cinema FICBueu. (Foto: Nós Diario).

—Cal foi o xerme de 30’ 70 60’ 120?
Coñecín un grupo de traballadoras sexuais politizadas no norte, entre Bilbo e Oviedo. Por cousas da vida acabei vivindo con elas na casa na que traballaban, vendo o seu día a día e para min foi moi sorprendente atoparme con esa realidade porque non ten nada que ver coa imaxe que temos normalmente na nosa cabeza. Pensei que estaría ben amosar ese outro lado que non está tan plasmado nos produtos culturais. 

Non pretendo en ningún momento negar que hai outro tipo de realidades porque tamén sei que estou falando dun ideal, pero tamén é certo que esta realidade existe e que as miñas compañeiras están loitando porque iso sexa o habitual e non unha realidade tan concreta e só para unhas poucas. Quería, canto menos, poder dar unhas pinceladas e facer que a xente se pregunte cousas que nunca antes pensara. Tampouco pretendo sentar cátedra. 

—Tratando esta cuestión en concreto, que significou o premio no FICBueu?
Moito, porque a distribución está sendo bastante máis difícil do que eu pensaba. Supoño que peco de inocente, porque eu pensaba que aos festivais interesaríalles o debate, mais non. Atopeime con bastante medo a posicionarse e a entrar en conversas incómodas. 

A selección en Bueu foi xa un premio en si, polo que recibir o galardón foi alucinante. Ás veces penso se o que fixen pareceume unha boa idea no momento e resulta que non o é, pero recibir este apoio tamén é como unha forma de dicir que o que fago é arriscado, mais é importante. É complexo, pero seguimos intentando. 

—Tamén hai un debate moi polarizado
Claro, é unha cuestión tan complexa e na que interveñen tantos factores que eu, canto máis investigo, penso que menos sei. Evidentemente hai que protexer para que ninguén estea nunha situación na que non quere estar, mais alén diso paréceme que se tes unha opinión moi fixa é porque non sabes o suficiente. Este é un traballo que se basea nunha violencia estrutural, mais tamén moitos outros, porque estas mulleres viñan de estar limpando casas ou de ser camareiras con condicións laborais moito peores. Creo que habería que solucionar os traballos feminizados ou a Lei de Estranxeiría, darlle un lugar máis presente na sociedade, antes de pensar en se deberíamos abolir a prostitución. 

Como digo, é complicado, mais é importante falalo. Nesta curta a min interesábame amosar a dicotomía entre a realidade e o decorado, porque ao final é un traballo no que estás cumprindo fantasías, construíndo unha realidade nova para que outra persoa, o cliente, viva nela. Hai un contraste moi grande entre estar na cama en roupa interior e coa luz vermella e estar comendo unha torrada de hummus mentres contestas o teléfono aburrida. O que eu vivín nese día a día foi un tempo de cambiar sabas constantemente, contestar chamadas e facer moitísima xestión loxística, como en calquera outro traballo. E isto ocupaba a meirande parte do tempo, non o sexo en si, que pode ser o que imaxinamos de primeiras. 

—Custoulle atopar persoas coas que traballar?
Non estou acostumada a traballar con equipo porque é un mundo moi precario e non me gusta implicar a xente desa maneira. Este proxecto tivo o apoio de Agadic polo que contabamos cun orzamento que me permitiu buscar xente. Algo que me pasa a miúdo é que cando vou facendo equipos, sen querer, acaban sendo todo mulleres e creo que isto fixo que fora máis cómodo á hora de traballar. Deilles moita liberdade para que puideran pór as súas destrezas e ideas e creo que por iso non tivo tampouco moito que ver cunha rodaxe tradicional. 

O certo é que se sumaron sen problema. Logo, á hora de comer, había moitos debates porque cada unha tiña as súas opinións, mais entendían o interese do proxecto, polo que me pareceu un proceso de traballo que funcionou moi ben e que se enriqueceu.

Comentarios