Ses estrea novo vídeo, 'A paz esquiva', adianto do seu cuarto traballo, que sairá o 2 de decembro

'Opoñerse á extinción' é o cuarto disco da bergantiñá e presentarase ao vivo o 29 de decembro no Teatro Rosalía da Coruña. Vídeo no interior

Ses volve e faino con forza: un novo traballo na rúa, o seu cuarto disco, a partir do 2 de decembro e desde esta terza feira xa podemos degustar un adianto, o vídeo de 'A paz esquiva', o seu novo single. 'Opoñerse á extinción', o disco de Ses que poderemos gozar a comezos do vindeiro mes componse de once temas que arrecenden á cantora bergantiñana en cada acorde. 

No traballo mantén a liña do seu inconfundíbel estilo. Ela mesma define así este seu cuarto disco: “O título ‘Opoñerse á extinción’ é a síntese da actitude que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor”.

Xira inminente

O 2 de decembro o disco de SES estará en todas as tendas de discos e, a continuación, sairá á estrada para presentar o novo traballo por todo o país e máis alá. As primeiras datas confirmadas son: A Coruña o 29 de decembro no Teatro Rosalía (entradas xa á venda en https://www.ticketea.com) e Narón o 14 de xaneiro no Pazo da Cultura. 

A súa xira do anterior disco, ‘Tronzar os valos’, xa a levou por salas, auditorios e festivais de máis de 80 localidades de toda Europa. 

Comentarios