Sés e Aid con Rosalía de Castro en Pontevedra

O rap de Aid e o blues de Sés porán a música na homenaxe a Rosalía que a Concellaría de Cultura de Pontevedra organiza o próximo día 22.
Sés
photo_camera Sés

Son dúas das voces que máis potencia deitan no panorama musical actual e as dúas subirán ao escenario para conmemorar Rosalía de Castro por volta do seu día, no acto literario e musical que a Concellaría de Cultura de Pontevedra organiza o día 22 de febreiro ás 20.00 horas no Teatro Principal.

Canda as dúas cantantes, o fstival contará coa actriz e cineasta Comba Campoy que conducirá o acto e as poetas Elvira Riveiro, Rosalía Fernández Rial e Marga do Val ademais do escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

A rapeira Aid publicou no pasado ano o seu disco libro Rapoemas que inclúe un bo feixe de poemas de Rosalía de Castro a ritmo de rap. Sés está a preparar o seu segundo disco, despois do éxito de Admirando a condición.

O concello de Pontevedra adiántase así dous días ao 24 de febreiro no queu se conmemora o aniversario do nacemento da poeta, data que se está a conmemorar como Día de Rosalía. Neste ano, a conmemoración cobra especial forza ao coincidir co 150 aniversario da publicación do libro de poemas Cantares Gallegos en 1863.

Comentarios