“É unha trola iso de que o pobo máis informado é o pobo máis libre” é o título do artigo de Francisco Castro publicado na sección dixital de Sermos Galiza que tivo que analizar o alumnado que se presentaba nesta convocatoria de setembro ao exame de Selectividade. No seu texto, o escritor cuestiona o espellismo da información producido polas redes sociais. “Non podo evitar ter a sensación de que a meirande parte da cidadanía vive (e paradoxo dos paradoxos, tamén moitos dos usuarios de todos estes medios telemáticos) na máis completa e absoluta desinformación” di no artigo.
Escritor e presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix), Francisco Castro comezou a publicar cando o século iniciaba a súa andaina e entre os seus títulos atópanse “Xeografías”, “Spam” -premio Blanco Amor-, “As palabras da néboa” -premio García Barros-, “O ceo dos afogados” -premio Frei Martín Sarmiento-, “O segredo de Marco Polo” ou “Chamádeme Simbad”. Cada sábado, os artigos de Francisco Castro chegan como unha cita puntual á sección de Opinión de Sermos Galiza, na que colabora desde o inicio do xornal dixital.