Sermos Galiza afonda na crise cultural da cidade de Ourense

O novo número do semanario, que estará na rúa este sábado xunto co 'Nós Diario', inclúe unha entrevista ao creador Xosé María Álvarez Cáccamo. Aliás, debulla aquelas contas de Instagram que están a triunfar co galego por bandeira. Non esquezas comprar o teu exemplar!
Reportaxe sobre a situación da cultura en Ourense, que publicará Sermos Galiza. (Foto Nós Diario)
photo_camera Reportaxe sobre a situación da cultura en Ourense, que publicará Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)

O sábado está perto... e polo tanto a cita no quiosque ou na nosa loxa en liña co Sermos Galiza queda moi próxima. Queres un adianto dos contidos? Continúa coa lectura porque paga a pena.

A apertura do semanario vai da man das palabras de Lois Alcayde na reportaxe ‘A lei do silencio en Auria. A sangría da cultura na cidade de Ourense’, unha peza na que se analiza a crise que vive o sector cultural na terceira urbe máis grande da Galiza a nivel de poboación.

Malia o que poida crer algunha xente, este divorcio entre administración e tecido cultural vén de lonxe, como revela o autor ao falar con representantes de diferentes ámbitos.

Estímase que a ruptura comezou hai cousa dunha década e cada vez se foi reducindo máis o investimento en cultura até que agora son “a veciñanza e as e os artistas” os que loitan pola supervivencia.

Poesía, audiovisual e redes sociais

Co gallo da estrea dun documental sobre parte da obra do creador Xosé María Álvarez Cáccamo, o xornalista Manuel Xestoso ten a oportunidade de falar con el.

En ‘Álvarez Cáccamo. Do poema ao obxecto’ manteñen unha conversa na que hai tempo para referirse ás vangardas artísticas, á poesía, ás polémicas, ao mundo cultural, a toda unha traxectoria...

Pola súa banda, Tensi Xesteira vaiche abrir un mundo que quizais sexa descoñecido para ti. Non dubidamos de que, como case calquera persoa, estarás presente en Instagram pero a reportaxe ‘Instagram eclosiona en galego’ vai repasar algunhas das contas que non podes perder. Porque as redes sociais tamén falan a lingua da terra.

E se entre ración e ración de cultura prefires desconectar, sempre podes acompañar a Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta -o Colectivo Xea- na súa ‘Subida ao monte da Vela’. Se é por Mario Regueira e Susana Sanches Arins levarás un libro para as paradas no camiño, neste caso H2...Oh!!! Pingas científicas de María Canosa ou Andar aos biosbardos (contos baixo do Freixo engurrado) de Charo Pita, respectivamente.

Moitas oportunidades de aprender

Mais se prefires agardar a chegar a casa podes conxugar literatura e música grazas ás recomendacións de Belém Tajes -que nesta ocasión fálache de Alborada, de Garza- e César Morán, que escolleu a beleza e o novo disco de Rodrigo Leão como protagonistas.

Na súa disección das propostas cinematográficas Andrés Castro destaca Sen tempo para morrer, filme de Cary Jiji Fukunaga, e no apartado de Escena Manuel Xestoso procura os detalles da obra A parábola do angazo de Talía Teatro. Ademais, non faltan os pasatempos ideados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Para non perder nada telo fácil: vai ao quiosque ou procura Sermos Galiza e Nós Diario este sábado no quiosque ou na nosa tenda en liña. Mais para a próxima semana sería fantástico que tiveras feita a subscrición!

Comentarios