Sergio Marey: "Procurei artistas emerxentes que traballasen a partir de obras de pintoras expostas en Lugo"

Sergio Marey (Pol, comarca de Meira, 1997) comisaria a mostra 'As 7 e 7. Hora de falar', onde pon en diálogo as obras de artistas da colección do Museo Provincial de Lugo con outras artistas contemporáneas. A exposición estará aberta ao público até mediados de abril.
Sergio Marey (Foto: Sergio Ro).
photo_camera Sergio Marey. (Foto: Sergio Ro).

—Como xurdiu a idea para a exposición?
Son moi fan de Maruxa Mallo e desfruto moito achegándome ao Museo Provincial de Lugo. Nunha destas visitas fíxenme a pregunta de cantas mulleres había expostas na institución, tamén a raíz da miña propia realidade como persoa disidente e de comezar a observar esta mesma disidencia nas biografías de artistas. Púxenme a buscar e vin que só había sete mulleres na colección. Parecíame que era necesario reivindicar este feito, tamén porque había algunhas desas artistas que son máis descoñecidas, especialmente fóra de Lugo.

Ademais, como sempre intento traballar con artistas emerxentes e novas, quixen integrar esta perspectiva, como unha forma de pór en valor as artistas que a día de hoxe están traballando. Ao final, todo o mundo na arte temos as nosas referencias e traballamos moito a partir delas, como pode ser o meu caso con Maruxa Mallo, e parecíame moi interesante que estas mulleres expostas no museo puideran servir de referencia.

—Como se escolleron as obras sobre as que se ía traballar?
As artistas que foron convidadas descoñecían a maioría de artistas que había alí expostas. O meu desempeño foi buscar artistas que puideran traballar a partir das súas obras, ben porque tiveran un nexo común polas súas temáticas ou ben polas súas técnicas. A idea era que houbese algo do que puidesen tirar para facer este traballo. Por exemplo, a obra escollida de Maruxa Mallo é Postal de Lugo, que tira máis á ilustración, ao grafismo, polo que decidín buscar unha ilustradora.

Tamén quixen que fose o máis variado posíbel, porque non só quería representar a arte contemporánea, senón a pluralidade que está a haber hoxe en día. De feito, no que respecta ás artistas actuais só hai unha pintora, en parte porque actualmente é unha das disciplinas menos traballadas, mais tamén porque as obras van pasar a formar parte da colección do museo, así que a idea era tamén intentar enriquecer ese fondo cunha variedade de disciplinas. O Museo de Lugo ten unha parte importante dedicada á arte contemporánea, mais tamén é o que menos ten porque está máis enfocado a obras de séculos pasados.

—Como foi o proceso de traballo conxunto coas artistas?
Con algunha delas xa tiña traballado algunha vez, con outras coincidira no Encontro de Novos Artistas que se organiza na Cidade da Cultura e doutras coñecía a súa obra. De aí tamén que foran seleccionadas, porque era máis doado emparellalas con outra artista. O proceso de traballo comezou cunha primeira visita ao museo nunha xornada guiada para que coñeceran as obras destas artistas e a súa vida. Debo agradecer moito ao persoal do museo por ese labor, porque despois incluso volveron pórse en contacto con elas para contarlles aínda máis cousas.

Christina Chiarroni traballou sobre unha obra de Mónica Alonso e tivo a oportunidade de falar con ela e iren xuntas visitar a peza no museo. Mais tamén aconteceu o contrario, e en maior medida: a maioría das artistas xa faleceron e as súas biografías son moi pequenas, polo que se volvía complicado traballar sobre elas. A peza de Noa Costas, que traballou sobre a obra de María del Carmen Álvarez de Sotomayor, aborda o esquecemento arredor das vidas destas mulleres e a pouca información que hai recollida.

Comentarios