luns 19/04/21
Serafín Parcero é o autor de 'As illas dos deuses'

Serafín Parcero: "Entre ilustracións de Castelao e imaxes de Ons, viñeron a min as musas"

Serafín Parcero acaba de publicar con Xerais a súa primeira novela longa, As illas dos deuses. Un relato ao modo dos 'biopic' cinematográficos que conta entre os seus protagonistas a Castelao e a illa de Ons. Unha novela entre policial e histórica co famoso discurso 'Alba de Gloria' como punto de partida.
O escritor é tamén mestre retirado de Educación Primaria. (Foto: Nós Diario)
O escritor é tamén mestre retirado de Educación Primaria. (Foto: Nós Diario)

"Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi unha figura chave da cultura galega do século XX e segue a ser un referente político para o nacionalismo galego. Malia que algúns dos feitos e referencias a este personaxe son verídicos, os feitos relatados, así como o resto dos personaxes, son froito da imaxinación do autor", así reza o texto introdutorio da novela As illas dos deuses, de Serafín Parcero e que agora edita Xerais.

Esta que é a primeira das novelas longas do autor nace dun modo un tanto "azaroso" e pola necesidade de "reflectir un suceso dramático nun ambiente fechado, claustrofóbico e pensei nunha illa", conta Parcero. "Topei documentación sobre a illa de Ons mais por unhas circunstancias e outras, e tamén pola actividade laboral, a obra non avanzaba e, tempo despois, confrontando as ilustracións de Castelao con algunhas imaxes da illa de Ons, viñeron a min as musas", relata o autor, que asegura como "desde entón as cousas foron rodando, e en menos dun ano rematei a novela".

Unha obra que se presentou, baixo o título Insula deorum, ao Premio Torrente Ballester e que resultou seleccionada entre as 18, de entre un cento, que optaban ao galardón. Pero a pesar de que non gañou, Serafín explica que "considerando que a obra tiña interese, fixen unha autoedición". Un traballo duro e frustrante na medida en que é "moi laborioso e ten pouca repercusión". Até que, tamén por azar, "achegueime por Xerais, leveilles un exemplar e decidiron publicala", relata.

O transcurso entre 'Alba de Gloria' e 'Alba de Loito'

"Co discurso quixen marcar dous tempos, Alba de Gloria, que sería o arranque, e Alba de loito, que é o momento no que Castelao, un dos protagonistas principais da obra, perde a vida", puntualiza Parcero. 

O primeiro texto da novela é o mandato da Dirección Xeral da Prensa, do Goberno de España, sobre o modo no que se debía informar do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e a primeira parte da historia leva por título Alba de Gloria. "A acción da novela vai decorrendo entre saltos no tempo, entre dúas épocas bastante duras, unha é a do Castelao novo, cando se enfronta cos primeiros momentos de dúbida sobre a carreira de Medicina fronte á súa dedicación á arte e á política", explica Serafín Parcero. 

"Tomo como escusa esa frase de Castelao que non sabemos se foi certa, ‘fíxenme mestre por amor a meus pais e deixei a Medicina por amor á humanidade’", relata.

E no remate, a Alba de loito, "a decadencia, as eivas na vista que lle impiden traballar correctamente, ese momento no que tamén o seu prestixio entre o mundo da emigración e dos exiliados empeza a ir a menos, e no remate aparece o cancro que acaba coa súa vida". "Son dous momentos bastante importantes e moi significativos na vida de Castelao" reflexiona o autor d'As illas dos deuses

E con todo isto, ao falar de en que xénero ou subxénero literario se encadraría As illas dos deuses, Serafín Parcero non dubida, "son moi afeccionado ao cine e na miña obra hai referencias a esa linguaxe", sinala, "así que cando me preguntan polo subxénero da miña novela respondo que é como o que os americanos chaman biopic, unha historia dramatizada, que na linguaxe cinematográfica é algo moi frecuente".

O protagonismo da illa de Ons e de Daniel Castelao

O desencandeante d'As illas dos deuses foi, segundo conta o seu autor, a confluencia un tanto accidental entre a illa de Ons e Castelao. A primeira chegou da necesidade dun escenario de reclusión, mais precisaba unha illa poboada, "e Ons arredor dos anos 30 tiña uns 200 habitantes". Despois da illa, xurdiu Castelao, ao ollar os debuxos do artista como "Vento mareiro", que na memoria de Serafín Parcero evocaban Ons. E, con todo, a elección dos protagonistas "é casual", insiste. 

"No caso de Castelao sei que é un reto, e pola miña parte igual un atrevemento" explica o autor. "O lectorado máis purista pode criticalo", a ousadía de "pórme no pelexo dunha figura tan icónica; porque hai dúas figuras que son recoñecidas por todo o espectro político, cultural e sociolóxico da Galiza, que son Rosalía e Castelao", recalca. 

"Non son historiador nin un grande estudoso da obra de Castelao, son un admirador do seu labor, encántame o seu traballo gráfico e a súa pintura, aínda que estea algo desvalorizada, e tamén me gustan as súas crónicas de viaxe, menos coñecidas, publicadas no Boletín Nós baixo o título de Diario, onde fala das súas experiencias en Francia, Bélxica e en Alemaña", aclara Serafín Parcero sobre o protagonista da súa obra. 

Serafín Parcero: "Entre ilustracións de Castelao e imaxes de Ons, viñeron a min as musas"
comentarios