As proxeccións serán do 21 ao 25 de outubro no Teatro Principal, en sesións ás oito do serán e ás dez da noite. Cinco filmes documentais e cinco de ficción conforman o programa proposto pola Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e dirixido polo seu presidente, Ghaleb Jabier Martínez. “Durante 17 longos invernos, rimos, choramos, soñamos xuntos e xuntas a través do cine”, afirma Martínez na Carta do Director do certame.
Entre os documentais atópanse Sky and Ground (22 de outubro), de Tayla Tibbon e Joshua Bennett, que conta a viaxe clandestina dunha familia de refuxiadas curda; Hamada (23 de outubro), do galego Eloy Domínguez e rodada nos campamentos de refuxiados saharahuís; Soufra (24 de outubro), de Thomas Morgan, nun campamento de refuxiadas palestinas no Líbano; e Renault 12 (25 de outubro), de Mohamed El Khatib, sobre o traxecto dun home en Marrocos para recoller a súa herdanza.
As longametraxes de ficción comezan con Look at me (22 de outubro), do tunecino Nejib Belkadhi. Nos seguintes días pasaranse Yomeddine (23 de outubro), do exipcio Abu Bakr Shawky; Mafak (24 de outubro), do palestino Bassam Jarbawi; e Capharnaüm (25 de outubro), da libanesa Nadine Labaki.