O sector cultural contará cunha nova prestación por desemprego no Estado

"Aprobamos unha protección social que moi poucos países teñen e que é unha das medidas pola que máis loitaron os traballadores da cultura", celebrou Yolanda Díaz.
A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O Consello de Ministros do Goberno do Estado español deu luz verde na súa reunión desta terza feira a un Real Decreto destinado a promover unha contratación máis "estábel" no sector cultural, co obxectivo de garantir malia a súa "intermitencia, unha maior protección social".

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, manifestou na presentación da proposta que a norma conten unha cotización "moi dúctil" e "flexíbel". Neste sentido, sinalou que "hoxe é un día moi importante porque se aproba unha protección social que moi poucos países teñen e é unha das medidas pola que máis loitaron os traballadores da cultura".

A medida modifica o réxime ordinario de protección social para o colectivo cultural e posibilita aos beneficiarios e beneficiarias acceder a un novo sistema de cotización. A proposta recoñece o dereito á prestación a profesionais que acrediten 60 días cotizados por prestación real de servizos na actividade artística nos últimos 18 meses.

A duración da prestación fixada polo texto normativo é de catro meses e está dotada cunha contía de até o 100% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) para as cotizacións que superen o limiar de 61 euros, correspondendo por baixo dese nivel unha prestación de 80% do IPREM.

A norma aproba a compatibilidade entre o cobro da pensión de xubilación e calquera actividade artística que xere rendementos económicos. Neste liña, desde o Executivo do Estado aclaran que "só alcanzaba até agora a actividades que xeraban dereitos de propiedade intelectual".

O decreto gobernamental incorpora unha cotización reducida para os artistas autónomos de ingresos iguais ou inferiores a 3.000 euros ao mes. Nesta dirección, fíxase unha cotización reducida cuxa base é de 526,14 euros, cunha cota mensual fixada en 161 euros.

Comentarios